Ribadeo, 26 de marzo de 2013.- O presidente do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad, denuncia que o alcalde da localidade, Fernando Suárez Barcia, manteña ruinosas e insalubres vivendas de titularidade municipal ubicadas no casco urbano do municipio.
As vivendas desafectadas da rúa Paco Lanza, que con anterioridade foran residencia dos mestres do instituto, presentan un lamentable estado de abandono, con apreciables deterioros no seu mobiliario que se amosa a través de portas abertas e fiestras rotas.
López Penabad amósase critico con esta deixadez de funcións e de mantemento dos bens de propiedade municipais, que se están a converter en focos de insalubridade, onde ata chegan a pernoctar persoas sen teito.
Asemade, o popular rexeita que Suárez Barcia non cumpra con aquilo que esixe aos veciños. Neste senso, o presidente local dos PP explica que o rexedor nacionalista está a remitir cartas aos veciños nas que solicita a limpeza de fincas urbanas privadas. De non ser cumprida esta demanda polos ribadenses, serán medios do propio concello os que realizarán uns traballos de acondicionamento que posteriormente deberán ser aboados ao consistorio por parte dos propietarios.
Dada esta situación, o presidente local dos populares de Ribadeo pídelle ao rexedor local que se aplique o conto e empece a eliminar ratas, réptiles e ruínas dos bens públicos.