Burela, 8 de abril do 2013. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, acollerá dous novos curso de informática impartidos polo Concello de Burela, que dará comezo o vindeiro luns, 15 de abril.
O primeiro deles será un curso sobre correo electrónico que se impartirá en horario de 11:00 a 12:30 horas. Con esta actividade ensinaráselle aos asistentes a crear unha conta de correo electrónico para así poder enviar e recibir correo a través do ordenador. Esta actividade vai dirixida a persoas con coñecementos básicos de internet e rematará o 22 deste mesmo mes.
O segundo, será un curso de iniciación a internet no cal se ensinará aos asistentes a dar os seus primeiros pasos na internet. Os participantes aprenderán a buscar todo tipo de información na rede a través do navegador libre Mozilla Firefox, así como a configuralo. Este curso impartirase de 16:30 a 18:00 horas e finalizará o 23 do mesmo mes.
Desde a aula CeMIT lémbranlles aos usuarios que poderán facer uso libre dos equipos e da internet da aula, en horario de mañá de 12:30 a 14:30 horas e en horario de tarde de 18:00 a 20:00 horas.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.burela@xunta.es.