– O Goberno provincial anulou no Pleno o Plan Económico Financeiro aprobado en 2012, tras conseguir, “incluso un ano antes do tiñamos previsto, equilibrar ingresos e gastos, o que nos permite poder afrontar investimentos con medios propios”, explicou García Porto
– O organismo lugués acordou, coa abstención do PP, esixir á Xunta que desbloquee o fluxo de crédito ás empresas por parte do IGAPE e que convoque novas axudas que compensen a falta de préstamos do pasado ano co fin de “reactivar a PEMES e autónomos”
– Co voto en contra dos populares e ante unha representación do instituto As Mercedes, a Deputación aprobou reclamar ó Goberno de Feijóo que anule de inmediato a súa decisión unilateral de “desmantelar un centro de referencia a nivel estatal”
A Deputación de Lugo consegue financiar con recursos propios os seus gastos correntes e investimentos, xeradores de emprego e riqueza na provincia, sen ter que recorrer a novos préstamos bancarios, o que lle permite manter unhas contas saneadas e seguir reducindo a débeda financeira. Segundo explicou no Pleno deste luns a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, o organismo provincial atópase nesta “boa situación” por ter acadado ó peche do exercicio 2012 os obxectivos marcados no Plan Económico Financeiro (PEF) que aprobou en xuño do pasado ano, precisamente co fin de recuperar a estabilidade orzamentaria, é dicir, o equilibrio entre ingresos e gastos non financeiros.
“Grazas á xestión responsable e eficaz que estamos a facer dos recursos públicos, recuperamos a estabilidade orzamentaria ó peche de 2012, un ano antes do que nós mesmos tiñamos previsto no Plan Económico Financeiro, que establecía dita recuperación para finais deste 2013. Melloramos as nosas propias previsións”, subliñou García Porto. Polo tanto, dado que os obxectivos do PEF xa están cumpridos, o Pleno de hoxe aprobou a súa anulación, coa abstención do PP.
Ter acadado estes obxectivos ten ten tres vantaxes, segundo a Deputada:
– Primeiro, porque a institución luguesa cumpre coa Ley General de Estabilidad Presupuestaria e, deste xeito, evita sancións.
– Segundo, porque garante a sostibilidade económica, “pois non dependemos de préstamos bancarios para afrontar os gastos. Podemos asumir con recurso propios, sen ter que recorrer a novos créditos, tanto os gastos correntes, como os investimentos que favorecen a recuperación económica da provincia, xerando riqueza e emprego”.
– E terceiro, porque, se a Deputación non depende de créditos para afrontar os gastos, non se endebeda máis, e incuso pode reducir a súa débeda financeira, tal e como vén facendo dende que este Goberno está á fronte da institución provincial.
Feijóo e o “exterminio da economía”
O Pleno de hoxe aprobou por outra banda, coa abstención dos deputados do Partido Popular, unha proposta do Goberno provincial na que esixe á Xunta que desbloquee o fluxo de crédito ás empresas por parte do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e que convoque de inmediato novas axudas que compensen a total falta de préstamos do pasado ano 2012.
A Deputada de Economía e vicevoceira socialista advertiu da urxencia deste tipo de medidas, ante os “dramáticos datos” da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), correspondentes ó primeiro trimestre do ano: “31.600 veciños da nosa provincia non teñen emprego; a taxa de paro duplicouse en tres anos: pasou dun 11% en 2010 a case un 21% neste 2013; o número de fogares lucenses con todos os seus membros no paro é xa de 9.500; a metade dos nosos mozos menores de 25 anos non pode acceder a unha ocupación que lle permita desenvolver unha vida digna; 9.900 autónomos tiveron que pechar en España no que vai de ano; e que dicir da cantidade de empresas que, cada día, entran en ERE ou se ven obrigadas a botar o peche.”
Ante “este drama”, Pilar García asegurou que o Partido Popular “demostrouse incapaz de formular solucións, unha incompetencia que non é menor na Xunta de Galicia”, engadiu a Deputada, como precisamente demostra que “durante o ano 2012 o IGAPE non concedeu nin un só crédito ás empresas galegas, a pesar de que dispoñía de 50 millóns de euros especificamente destinados a este fin”. “É inconcibible que, coa que está caendo, co mal que o están pasando os empresarios e autónomos, a Xunta aínda os asfixie máis ó non concederlles créditos”, engadiu a Deputada, quen considerou que Feijóo está a “acometer políticas de exterminio da economía, das que os deputados provinciais no PP son cómplices en moitos casos”.
García Porto pediu ós Gobernos central e autonómico “urxencia en aplicar medidas realmente eficaces para crear emprego e saír da crise”, como a aprobada precisamente hoxe no Pleno provincial, instando á Xunta a desbloquear e potenciar o fluxo de crédito a través do IGAPE para “reactivar e dinamizar a actividade das PEMES e autónomos”.
“O PP fai deste un país patera”
Co voto en contra do Partido Popular, o Pleno aprobou instar á Xunta a que anule de inmediato a decisión unilateral de converter ó IES As Mercedes da cidade lucense nun Centro Integrado de Formación Profesional, así como a realizar un “estudo racional da situación educativa da zona e da cidade de Lugo en xeral”, e dar traslado destes acordos ó Presidente da Xunta, ó Conselleiro de Educación e ós voceiros dos grupos con representación no Parlamento galego.
Con esta medida, argumentou Martínez, “o PP dá un paso máis no desmantelamento da educación pública, a sanidade e a dependencia, un paso máis para facer deste un país patera, despois de suprimir profesores, axudas ós libros de texto e transporte; asfixiar todo un modelo sociopedagóxico como é Preescolar na Casa; ou obrigar a reagrupar a escolares como na época de Franco”. Os sucesivos recortes, asegurou o Deputado, “foron sempre acompañados de insultos ós afectados: os funcionarios non traballan; os parados, non buscan emprego; os estudantes, non estudan; os profesores, son uns vagos e maleantes; os pensionistas, acumulan medicinas; e os beneficiarios da Lei de Dependencia, estafan”. O voceiro socialista cualificou os argumentos cos que o PP defende esta decisión como “neolinguaxe para instaurar o neofranquismo”.
Durante o debate plenario, no que estivo unha representación da comunidade educativa das Mercedes, Martínez argumentou así mesmo que a reconversión deste instituto en Centro Integrado de Formación Profesional terá efectos “moi negativos” para os alumnos, dado que moitos deles, que cursan Secundaria e Bacharelato neste centro, viñan recibindo unha atención personalizada que posibilitou a consecución dunha titulación que non sería posible en aulas masificadas ou carentes de apoios orientativos necesarios”.
Tamén será negativo, engadiu, porque “unha ampla zona de Lugo -a parte sur da cidade e o Concello do Corgo- quedará sen centro de ensinanzas medias, polo que o alumnado verase na obriga de desprazarse a centros máis distantes e masificados”; porque os niveis de calidade e integración do IES As Mercedes, centro referencial a nivel de Galicia e do Estado, desaparecerán por “unha decisión errónea da Xunta, que algunha persoa tomou en Santiago sen coñecer probablemente nin onde está o instituto”; porque o profesorado do centro verase reducido, desprazado, e sen opción de participar nun concurso de traslados; e porque o proxecto educativo do centro, positivo, integrador, innovador e con varios premios que así o acreditan, desbótase sen o máis mínimo diálogo coa comunidade educativa”.
















O lume iniciouse ás 14.51 horas e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.



