A Mariña, 9 de abril de 2013. Representantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública que agrupa a asociacións de doentes e veciñais, organizacións políticas, sindicais e cidadanía a título particular xunto con persoal do Hospital da Costa promotores da recollida de sinaturas rexistraron ás 11 da mañá de hoxe un escrito dirixida á Conselleira de Sanidade, Sra. Rocío Mosquera álvarez, avalado por 11.675 sinaturas de mariñáns e mariñás que certifican a existencia dunha gran marea cidadá que irá en aumento na defensa dunha asistencia sanitaria pública e de calidade na comarca da Mariña. A súa demanda versa sobre a creación da área de xestión integrada do Norte de Lugo, a adecuación dos cadros de persoal ás necesidades da poboación da área sanitaria da Mariña e o cumprimento real dos compromisos de ampliación do Hospital da Costa. Para a Plataforma é de agradecer a existencia de milleiros de persoas na comarca conscientes do que queren e que ao marxe de siglas políticas, sindicais ou doutra índole defenden con responsabilidade un sistema público de saúde que non queremos que se degrade e poñen esta responsabilidade nuns niveis que para si quixeran os alcaldes e alcaldesas así como outros dirixente do Partido Popular na comarca que prefiren defender as siglas partidistas por diante do interese xeral da súa veciñanza.
A PLATAFORMA PIDE AOS REPRESENTANTES DO PP NA COMARCA QUE TOMEN NOTA DUNHA DEMANDA CIDADÁ QUE IRÁ EN AUMENTO
A representantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da comarca e persoal do Hospital da Costa fixeron hoxe entrega no portelo único do Concello de Burela de 11.675 sinaturas promovidas por persoal do hospital da Costa que certifican a marea cidadá disposta a reclamar con toda contundencia unha marcha atrás da Consellaría de Sanidade do Decreto de Xestión Integrada provincial que anula competencias que deberan ser propias da comarca coa creación dunha área propia de xestión integrada para a comarca.
Dende a Plataforma reclaman aos representantes do Partido Popular na Mariña a mesma responsabilidade que están demostrando os veciños e veciñas da comarca cunha demanda que xa é marea cidadá e que irá en aumento co despregue de actos informativos que terán lugar nas próximas datas. Non é de recibo que os representantes do PP continúen encastelados en posicións contrarias ao que cada vez mais xente demanda.
AS DEMANDAS DA CIDADANÍA MARIÑÁ ESTARÁN NOS PRÓXIMOS DÍAS NO DESPACHO DA CONSELLEIRA
A Mariña conta con todas as características necesarias para contar cunha área de xestión integrada propia non só pola distancia a outros centros hospitalarios que a fan necesaria en termos sanitarios, senón tamén porque estamos convencid@s de que o modelo imposto pola Consellaría de Sanidade ademais incumprir os compromisos adquiridos polo actual Presidente da Xunta provocará un grave deterioro na calidade da asistencia sanitaria pública e traza unha folla de ruta cara á súa progresiva privatización.
De igual maneira os milleiros de asinantes concordan na demanda dunha ampliación real do Hospital da Costa e o cumprimento dos compromisos adquiridos “dos que xa non se admiten mais demoras” e a adecuación e por tanto ampliación dos cadros de persoal dos centros de saúde e asistencia especializada do Hospital da Costa de acordo coas necesidades e realidade poboacional estábel e estacional existente na Mariña
As case 16.000 sinaturas recollidas non son todas as que se repartiron na comarca, por non dar tempo a recompilalas todas, pero demostran o avance da conciencia social existente e son un “aperitivo do que ven” que algúns non queren ver.