Santiago, 13 de abril de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en colaboración co Concello de Foz, vén de emendar un vertido contaminante ao río Centiño que afectaba directamente á bacía da ría de Foz, no termo municipal deste concello da Mariña lucense.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos fixeron inspeccións previas no ámbito territorial do municipio lucense de Foz, detectando o punto de vertido e confirmando, mediante as mostras tomadas, aportes contaminantes no caudal vertido.
Tras as actuacións, o persoal de Augas de Galicia informou aos técnicos do Concello de Foz das deficiencias detectadas, solicitando a estes un plan de melloras que garantiran o correcto funcionamento do sistema de depuración existen nesa zona e o cumprimento dos límites de vertido segundo a lexislación de referencia.
Despois de recibir comunicación do concello das medidas levadas a cabo, consistentes na limpeza da fosa e revisión dos filtros, os técnicos do PCV comprobaron nunha inspección recente que os aportes contaminantes foron emendados.