Os nacionalistas tamén interpelaron o goberno municipal acerca da “escura razón” que impediu o traslado ao seu grupo municipal da convocatoria para a reunión cos facultativos do Hospital da Costa.
O voceiro municipal do BNG de Xove expúxolle ao goberno local que a Deputación Provincial de Lugo acudiu á chamada de auxilio da FEGAMP polo abuso na facturación das compañías eléctricas e acordou ofrecer a súa revisión integral nos Concellos para aforrar gasto e evitar os excesos das compañías. O goberno local foi un dos que se inscribiu neste plan de asesoramento técnico denominado Club dos Renovables, polo que se realiza un estudo personalizado e gratuíto sobre a facturación de todas as instalación municipais. Por esta razón, desde o BNG interesáronse pola existencia dalgunha medida estratéxica similar de apoio ao Concello de Xove desde os gobernos do PP na Xunta ou do Estado. Un interese que resultou inútil.
Desde o Bloque tamén amosaron o seu malestar polo feito de que o alcalde non reenviara ao enderezo electrónico do portavoz nacionalista a invitación dos facultativos do Hospital da Costa para unha reunión celebrada a semana pasada en Burela, tal e como solicitaban os propios interesados na súa mensaxe. Unha xuntanza á que os cargos públicos do PP, poñendo por diante as ordes de partido antes que o interese xeral, se negaron a asistir. Esta descortesía política foi cualificada por Marco López como “unha cativeirada máis dun goberno municipal que semella que aínda non chegou á idade adulta”.