Foz, 8 de abril de 2013. O pleno extraordinario da corporación municipal de Foz que se celebrará este xoves, día 11, ás oito e media da tarde inclúe a aprobación do orzamento do Concello para este ano 2013 e un recoñecemento extraxudicial dunha factura ligada a unha subvención de 3.000 euros para a instalación dun equipo de son na casa de cultura.
O alcalde, o popular Javier Jorge Castiñeira, lembrou que esta sesión corresponde ao pleno ordinario aprazado no pasado mes de marzo “debido á coincidencia coas festas de Semana Santa”.
“É un pleno no que van dúas cuestións económicas importantes: unha delas os orzamentos municipais e outra o recoñecemento extraxudicial dunha factura que vai ligada a unha subvención coa cal se dotou á casa de cultura cun equipo de audio, porque tiña bastantes problemas de son. Neste caso necesita do pleno para aprobarse e poder cobrar esa subvención e pagar esa factura”, manifestou o rexedor municipal, quen engadiu que “estes dous asuntos económicos de importancia, tanto a aprobación desta factura como os orzamentos municipais, entendemos que a corporación debe sacalos adiante sen problema ningún, dado que o primeiro, que é a factura, non ten ningún tipo de problema e esta ligada a esa subvención e se non se aproba perderíase e tería que pagalo directamente o Concello, o cal non sería lóxico”.
Castiñeira tamén dixo hoxe que “o segundo tema, que é o más importante pois son os orzamentos, entendemos que unha vez que se atenderon as reclamacións que fixeron os grupos da oposición non debería haber ningún problema para sacalos adiante. Son, en definitiva, uns orzamentos que non son os que máis lle gustan ao grupo de goberno, pero son uns orzamentos de consenso, de crise, do peor ano económico do Concello, que hai que tratar de superar. Hai que tratar de ter uns orzamentos actualizados e esa é a nosa intención: traballar cuns orzamentos deste ano e non cos prorrogados. Esperemos que os grupos saiban recoñecer o esforzo que fixo o grupo de goberno atendendo as súas reivindicacións máis grandes: a suba da RPT que corresponde a ese 30 por cento da suba pactada no 2009 que este ano non se levou a cabo porque o grupo de goberno entendía que non era lóxico nunha situación complexa, pero así o requiren os grupos da oposición; e vai tamén un plan de emprego, de 75.000 euros. Esas son as dúas consideracións que tiña a oposición e que se atenderon e polo tanto esperamos que os orzamentos saian adiante no pleno do próximo xoves”.