Ribadeo, 29 de maio de 2013. ACISA Ribadeo convocou un concurso para dar co eslogan da nova edición do Ribadeo aberto, que terá lugar o vindeiro mes de xullo. Os premios que se poñen en xogo son 200 e 100 euros respectivamente para consumir nos establecementos asociados.
Poderán participar no concurso persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade ou residencia, ou menores con autorización asinada polos seus pais ou titores, que deberán acompañar ás obras enviadas a ACISA.
Segundo recollen as bases do concurso “poderanse entregar un máximo de tres lemas/eslóganes por persoa, se ben tan so poderá ser premiado un deles. Terán que ser inéditos e non seren premiados noutro concurso. Os eslóganes enviaranse por correo electrónico á seguinte dirección: ribadeocca@gmail.com. A data límite para presentalos é o vindeiro luns, 3 de xuño, a mediodía. Despois a partir das 17 horas todos estarán colgados na páxina de facebook Ribadeo móvese para que o público poida votalos ata o 10 de xuño ás 12 da mañá”.
ACISA concederá dous premios. O primeiro premio, que decidirá o xurado, está dotado con 200 euros en vales de compra e o segundo premio, que será aquel que teña máis “Me gusta” en facebook, levará 100 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados.
Os interesados en participar neste concurso poden acceder ás bases do mesmo a través do perfil de facebook Ribadeo móvese.