A manifestación sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago e finalizará na praza da Quintana
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2013.- Hoxe deuse a coñecer un manifesto de apoio á convocatoria de manifestación realizada por Queremos Galego para mañá so o lema “Non queremos ser estranxeiras na propia patria”, que parafrasea un verso de Rosalía de Castro no día en que se fan os 150 anos da publicación do primeiro libro contemporáneo monolingüe en galego, os Cantares gallegos.
Entre os asinantes deste manifesto están o adestrador Fernando Vázquez, os escritores Suso de Toro, Margarita Ledo, Bernardino Graña, Manuel Rivas, Begoña Caamaño, Marilar Aleixandre, Agustín Fernández Paz, Teresa Moure, Marta Dacosta, Xabier Docampo, Yolanda Castaño, Nacho Taibo, Pilar García Negro, Francisco Pillado e Carlos Taibo, os músicos Mercedes Peón, Uxía, Projecto Mourente, Guadi Galego, Mini e Mero, Xurxo Souto, Isabel Risco, Magín Blanco e Tonhito de Poi, os actores Chisco Amado, Laura Ponte e Quico Cadaval e o humorista Xosé Lois González O Carrabouxo.
MANIFESTO
“NON QUEREMOS SER ESTRANXEIRAS NA PROPIA PATRIA. QUEREMOS GALEGO”
O noso idioma, o galego, é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo. Se deixamos que esa base se estrague, todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, abaneará como a terra nun sismo devastador.
Porque non queremos ser estranxeiras na propia patria, atopamos motivos abondo para nos mobilizar este 17M, entre eles:
– Un goberno galego que debería promocionar e proxectar a lingua propia de Galiza, mais que en lugar diso fai xustamente o contrario, levando adiante medidas que só afondan nos retrocesos que o galego está a sofrir. Un goberno que emitiu un Decreto que mingua as posibilidades de uso no ensino a mínimos históricos desde a existencia da Lei de Normalización Lingüística.
– Un marco xurídico escaso en canto á protección da lingua galega e das persoas que a falan, e que mesmo así é burlado de xeito tan esperpéntico como o acaecido recentemente, cando un xuíz que declara sen vergoña ningunha incumprir a Lei que el mesmo debería facer cumprir, insiste na desvergoña conseguindo que se volva xulgar ao Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Portavoz de Queremos Galego! por lle ter lembrado que debe respectar a Lei, ademais de facela respectar.
– Un Estado que abafa, promovendo leis que máis parecen de tempos pasados que do século XXI, leis que insisten en relegar a nosa lingua a un segundo, ou mesmo terceiro plano, facendo máis grande a fenda que separa en canto a dereitos ás persoas galegofalantes das que falan a lingua de Castela.
– Un día a día no que ben percibimos que o galego non se ten en conta, do mesmo xeito que non se ten en conta que é a lingua propia de Galiza, que falamos miles de persoas, e na que queremos vivir con normalidade. Un último e recente exemplo: agora non podemos viaxar pola AP-9 e ler as sinalizacións das peaxes en galego. O único sinal que na nosa lingua existía foi “traducido” hai escasos días.
Unha lingua rica e fermosa, unha lingua coa que se pode facer ciencia e cantar, unha lingua na que podemos escribir fermosos versos, libros de matemáticas ou facturas de servizos que empregamos. A nosa lingua. Falémola, amémola, respectémola, defendámola.





















Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



