Dende tempo inmemorial ergue a súa modesta planta, na paraxe antigamente coñecida por “alto da Grela,”nos arredores de Foz, a capela do “bispo Santo” á que a tradición reserva o cometido de servir de testemuño da lenda según a cal San Gonzalo lograra desmantelar a armada normanda que se dispuña a invadir as nosas costas…
Hai arredor de 40 anos, con ocasión de publicar o libro “Guía Histórica e Artística de San Martiño”, tivemos a oportunidade de acceder ó arquivo da mesma, para documentarnos sobre a súa historia, da que obviamente forma parte a da ermida.
A prospección naqueles vellos papeis permítenos lembrar, en vésperas da celebración da ancestral romaría, algunha curiosidade da mesma: cada luns de Pentecostés, día da celebración, acudían xentes de toda a bisbarra, coas cruces parroquiais o que, á hora de gardar un orde para participar na procesión, ten dado lugar a serios altercados. Daí que, despois de impoñer unha multa de doce libras de cera para as Confrarías do Santísimo e Ánimas de San Martiño, a quen tal provocara, o 18 de maio de 1669 – hai 345 anos – acordouse, para o sucesivo, a seguinte disposición: despois da Cruz de San Martiño, seguiría a de Santiago de Foz, San Xoan de Vilaronte, Santiago de Fazouro, San Xulián de Cangas, Santo Estebo de Nois, San Xulián de Cordido, Santo Estebo de Oirán, Santa Cilla, San Acisclo, Nosa Señora de Bacoi e Santo Estebo de Moucide, cada unha delas seguida dos seus numerosos fieis. A masiva afluencia á romaría do Bispo Santo (ou “O Santo”) non é algo recente. Ó non atoparse, por extravío, o anterior, en 1848 encétase un novo “libro de fábrica” da capela no que quedan reflectidas as contas da festa daquel ano: os ingresos, debidamente especificados, ascenden a 39 reais e os gastos a 30 (10 reais, pagados a un “músico rural“ e 20 por catro ducias de foguetes).
Foi o día 8 de outubro de 1908 – hai mais de cen anos- cando a histórica e humilde ermida “do Santo” recibía a visita do bispo da Diócese, don Juan José Solís y Fernández que deixou 50 pesetas de limosna, que unidas ás 22,50 ptas. que se reuniron entre os veciños do barrio de Forxán e algunha aportación de traballo, púidose restaurar a edificación, entón moi depauperada.
Suso Fernández