O río Ouro ao seu paso polo lugar coñecido como O Recanto, na parroquia de Mor, está a desfacer o cauce tradicional e invadindo terras de cultivo e pradaría, gañando terreo inverno tras inverno e achegándose perigosamente a algunha vivenda do barrio do Couto.
Comezou destruíndo un tradicional pasadoiro (empedrado no curso fluvial para cruzar a pé) creado polos veciños para unir o barrio do Couto co lugar das Ribeiras, e agora, mesmo hai risco de que chegue a engulir a pista Liñares-Vilagabe,
Esta situación é derivada da ausencia de coidados do cauce, o que provoca que as cheas arrastren grandes cantidades de grixo (area grosa que se atopa nalgúns cauces fluviais) que acaba por acumularse e crear diques que actúan como tapón, o cal, vai mudando e ancheando o cauce natural de maneira artificial, creando unha inercia invasiva, sobre todo nas épocas invernais ou de pluviosidade abondosa.
Cómpre salientar que o lugar en cuestión denomínase O Recanto polo ángulo ou “esquina” que describía o curso do río, pero na actualidade as augas abriron un cauce totalmente recto por invasión das marxes.
Polo anteriormente exposto o grupo nacionalista demanda:
– Que o Concello de Alfoz se poña en contacto coa Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e máis con Augas de Galiza, denunciando a situación e facendo que as devanditas entidades estuden as circunstancia descritas e eviten que as augas fluviais sigan a gañar terreo nuns espazos que tradicionalmente se destinaron a actividades agrícolas e gandeiras. Tendo moi presente que se a situación non se remediase, no vindeiro inverno o río podería alagar algunha vivenda do Couto e mesmo invadir unha vía de comunicación (Liñares-Vilagabe) recentementre creada no proceso de concentración parcelaria.
– Que o Concello de Alfoz protexa o río Ouro exercendo unha vixilancia activa, mantendo un contacto constante con Augas de Galiza e avisando decontado de calquera eventualidade.
A institución municipal debe decatarse de que a principal arteria fluvial do val supón unha grande riqueza de importancia ecolóxica, turística e económica, mais se non se coida, pode converterse na orixe de inusitadas problemáticas con consecuencias catastróficas, debido á forza que acadan as augas en épocas de climatoloxía extrema, e tamén debido á presenza de refugallos (orgánicos e inorgánicos) en determinadas zonas.