Cervo, 31 de maio de 2013. O BNG volveu levar ao pleno de Cervo por urxencia unha moción promovida pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública e unha vez mais o PP negouse a debatela, nesta ocasión porque nin Villares nin Balseiro cren motivada a urxencia e no pleno anterior, o 9 de maio, pola suspensión inesperada e pouco democrática ordenada polo alcalde da sesión debido á presenza da Plataforma sanitaria da Mariña. O BNG volveu criticar ao PP polo “baixo perfil democrático” por negarse a debater sobre un asunto que está preocupando a boa parte da sociedade cervense e mariñá que un día tras outro quéixanse das constantes derivacións de pacientes e do colapso existente no Hospital da costa que o PP non quere escoitar.
Para os nacionalistas “o goberno municipal de Cervo fuxe dos debates que non lle conveñen e négase a dar a cara para defender as medidas que o seu propio partido aplica”, o portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, cuestionou a actitude de Villares e Balseiro “que fai tres semanas suspendían o pleno e onte escaparon do debate para non posicionarse”.
O Alcalde de Cervo non aclara o exceso de facturación das eléctricas co concello que preside ao tempo que como Vicepresidente da FEGAMP declara irregularidades xeneralizadas.
Estúa criticou a falta de claridade nas respostas do alcalde a preguntas concretas presentadas no pleno celebrado o oito de febreiro onde se reclamaba datos para coñecer o exceso de facturación das eléctricas contratadas polo concello e tampouco sobre o cumprimento ou non da lexislación vixente dos contadores instalados nas dependencias e servizos municipais. A Estúa parécelle preocupante que o alcalde de Cervo na súa condición de Vicepresidente Executivo da FEGAMP diga publicamente o 5 de febreiro que hai “irregularidades xeneralizadas nos concellos” e no de Cervo, onde el é alcalde case cinco meses despois “recoñeza que o concello non ten elaborado ningún informe sobre os excesos de facturación das compañías”.