Burela, 26 de maio de 2013. O Concello felicita ao Burela Fútbol Sala Feminino, que este mediodía se proclamou campión da Copa de España en Bilbao.
O alcalde, José Mª González Barcia, subliñou que “estas rapazas xa fixeron historia no deporte en Galicia, porque facer doblete non é nada fácil. As xogadoras do Burela FSF superaron todas as expectativas que nos puidéramos ter feito, conseguiron dous títulos en quince días, que se di pronto”.
O equipo de goberno estudará nas vindeiras horas “o que imos facer. Xa tivemos recepcións na Xunta, na Deputación de Lugo e no Concello hai uns días, despois de gañaren o título de liga, pero está claro que algo temos que organizar. Tentaremos analizalo tamén co clube, pero estas rapazas merécense toda a nosa admiración e o noso respecto”, dixo o rexedor burelés.
Para González Barcia “estamos diante dun equipo de auténticas galácticas. Agora só nos queda pedirlles a todas que continúen no Burela FSF, porque contan cun equipo profesional e humano boísimo. Queremos felicitalas pola grandísima tempada que acaban de facer e desexarlles moitos éxitos no futuro”.
O Burela Fútbol Sala Feminino venceu por 6 goles a 1 ao Atlético de Madrid Navalcarnero no partido disputado este mediodía en Bilbao. Agárdase a chegada do equipo á praza do Concello de Burela a partires das nove e media desta noite.