Cervo, 1 de maio de 2013.- O grupo de goberno de Cervo destacou que está implicado no mantemento dos servizos sanitarios na Mariña. Así o deixou patente no pleno da localidade celebrado hoxe, onde se recordou o compromiso realizado pola Xunta de Galicia de garantir os servizos sanitarios na comarca no nivel no que se atopan.
Deste xeito, o grupo de goberno cervense considera que o apoio expreso e firme manifestado polo Executivo galego garante nivel de cobertura dos servizos, polo que non estimaron a consideración de urxencia coa que o grupo nacionalista quixo abordar unha moción relativa ao ámbito sanitario.
Así mesmo, durante o pleno, os representantes do equipo de goberno deixaron patentes as contas de facturación eléctrica, tal e como demandaba o BNG. Neste extremo, os datos foron expostos con claridade e o propio alcalde cervense, Alfonso Villares, destacou que: “O Concello de Cervo está a cumprir escrupulosamente coas empresas eléctricas, como ten especial interese en saber o grupo nacionalista”.
De feito, o control sobre o a facturación eléctrica e os pagos ás empresas subministradoras de enerxía deparou que nos últimos meses unha empresa tivese que devolverlle a este concello, e por tanto, as contas públicas dos veciños de Cervo 360.000 euros”, abundou Villares, “para maior tranquilidade, ou non, dos representantes do BNG”.
Non obstante, Villares afirmou que o resto de provedores da Administración cervense teñen para o goberno local “a mesma consideración” que a que o BNG na localidade parece outorgarlle as empresas eléctricas e non dubidou en ampliar a información relativa a pagos: “Estase ao corrente de pago con tódolos provedores, que están cobrando en tempo e forma”, subliñou o alcalde.
Sobre o grao de profundidade dos datos, o alcalde sentenciou que “a claridade das contas non deixan dúbida” aínda que lamentou que a obcecación pola defensa das empresas eléctricas nos últimos dous anos leve aos nacionalistas ao extremo. “O BNG de Cervo parece que quere exercer como o cobrador do frac a favor das eléctricas. Nós reiterámoslle aos nacionalistas que, en Cervo, non se lle vai a aboar ás empresas eléctricas un euro máis do que corresponde pagarlles”.