Van dous anos dende que se celebraron as eleccións municipais nas que o goberno de dereitas do Partido Popular se fixo coa alcaldía da nosa benquerida Burela, dende o PSdG-PSOE de Burela non temos outra percepción que non sexa que foron dous anos perdidos para o pobo de Burela, dous anos nas que voltaron as prácticas escuras, o amiguismo, a prepotencia e o caciquismo ó Concello da man do Partido Popular de Burela.
Temos que remontarnos a aquel mes de maio de 2011 onde os veciños e veciñas de Burela decidiron que o Partido Popular tiña que ser quen dirixise o Concello de Burela. Despois dunha primeiro momento no que dende o PSdG-PSOE de Burela tentamos analizar as causas polas que os veciños e veciñas deixaron de confiar en nós para dirixir o Concello, e despois de facer unha autocrítica das cousas que puidemos facer mal e ver que a falla de explicación da nosa boa xestión, en xeral, e certos problemas de comunicación có noso aliado de goberno puideron ser boa parte das razóns da perda de confianza dos nosos veciños e veciñas, toca aprender dos erros para non voltar a cometelos no futuro. Unha situación de crise xeral que tamén, a bo seguro, influíron nesa perda de confianza xeral. Dende o PSdG-PSOE de Burela xa nos puxemos a traballar para ser unha alternativa crible de cara as próximas eleccións municipais. Fixemos unha renovación na nosa Executiva e puxémonos a traballar en facer unha oposición seria e responsable, unha oposición que puxera de manifesto as prácticas que o Partido Popular historicamente viña a desenrolar neste pobo dende sempre, o amiguismo, o enchufismo, o beneficiarse dos cargos e o caciquismo volven a ser prácticas habituais deste equipo de “desgoberno”.
O resultados destes dous anos de “desgoberno” do Partido Popular en Burela é alarmante, e así o levamos denunciando con respecto a varios asuntos que de por si son sangrantes. Non teñen cumprido nin unha soa das súas promesas electorais, pódese dicir que enganaron ós veciños e veciñas de Burela con un programa electoral fora da realidade e o que é máis grave, que eles mesmos sabían que non poderían cumprir. ¿Alguén sabe que foi do Polígono Industrial da Puída, da piscina, da Escola Náutico Pesqueira, das baixadas de impostos, do acceso ó porto, e tantas e tantas promesas que se quedaron no camiño despois de gañar as eleccións? Podemos dicir claramente que o Partido Popular de Burela enganou os veciños e veciñas de Burela dende o primeiro momento, e é bo recordarllo de cando en vez a ver si son capaces de poñerse a traballar algo nestes dous anos que lles quedan de goberno polo ben dos veciños e veciñas de Burela.
Dende o PSdG-PSOE, tanto dende a Executiva Local como dende o Grupo Municipal, estamos a facer un traballo de oposición ás políticas do equipo de “desgoberno” de Burela entendendo que as cousas deben e teñen que facerse de outra maneira, non se pode castigar dende o propio Concello ós veciños e veciñas quitándolles servizos e subíndolles impostos a todos por igual, nós entendemos que os sacrificios que haxa que facer deben de ser solidarios e non todos os veciños poden pagar as consecuencias desta situación de crise da mesma maneira, os que máis teñen son os que máis deben de colaborar nesta situación, empezando por un Goberno que nos custa ós veciños e veciñas máis de 120.000 euros ós ano (máis de vinte millóns das antigas pesetas). Máis dietas que no ano 2012 foron máis de 12.000 euros (dous millóns das antigas pesetas), en paseos que non serviron para traer nin unha soa inversión importante, e a obra máis importante, unha obra da Deputación Provincial, xustamente para beneficiar a un membro do equipo de “desgoberno”, precisamente obra proposta e votada incumprindo a lei, pola persoa beneficiada pola mesma, isto non parece serio nin ético e así o denunciamos, cun burdo intento por parte do PP de Burela tentando facernos calar con circos mediáticos que en nada benefician ós veciños e veciñas do noso pobo.
As asociacións e clubs deportivos abandonados á súa sorte. As contratacións rodeadas dunha nebulosa de enchufismo que calquera pode comprobar, non fai falla que ver os interventores e apoderados do PP nas eleccións para darse conta do dedo có que se fan as contratacións e a persecución ós que non pensan coma eles ou simplemente non pertencen á causa.
O despilfarro e o amiguismo no gasto dos cartos públicos, cabe recordar como exemplo, o gasto de 1.862,63 euros nas comidas das festas de 2012 (309.915 das antigas pesetas), e falan de austeridade, debería caerlles a cara de vergoña ó pronunciar esa palabra. A imaxe do pobo cada vez máis degradada pola sucidade e a imaxe que da un pobo practicamente a escuras, que ademais resulta perigosa. O amiguismo nos gastos que se fan dende o Concello, pagando facturas que superan o que marca a lei sen sacar estes contratos a oferta pública. E un largo etcétera de decisións que rozan a legalidade e que dende o PSdG-PSOE imos a denunciar có fin de que os veciños e veciñas estean informados de cando e en que se gastan os seu cartos.
Por outro lado está a actitude do noso alcalde con respecto á nosa maior empresa e o noso maior ben, o Hospital da Costa, poñéndose claramente do lado do PP galego e deixando abandoados a todos os veciños e veciñas non só de Burela senón que de toda a Mariña, ó igual que o resto dos alcaldes do seu partido. Obedecen as instrucións que lles dan en Santiago e traizoan sen reparos ós veciños e veciñas do seu pobo. ¿É este un alcalde que merece o apoio dos veciños e veciñas ós que deixa tirados ante as ordes do Sr Feijoo e o PP galego? Para nós dende logo este alcalde queda totalmente deslexitimado para dicir que representa ós veciños e veciñas de Burela ós que, iso si, pouco a pouco, para que non se note moito, van a obrigar a retroceder 30 anos para voltar ás viaxes para Lugo para poder ter unha atención sanitaria que se lles debera prestar en Burela, se os alcaldes do Partido Popular có apoio da cidadanía e das forzas da oposición tiveran a valentía de defender ós seus veciños e veciñas e non os intereses partidistas do seu partido seguro que a situación sería ben distinta. O alcalde de Burela traizoa a confianza que depositaron nel ós veciños e veciñas de Burela e pon en perigo a súa saúde.
Dende o PSdG-PSOE de Burela imos a traballar polos intereses dos veciños e veciñas do noso pobo xa que ese foi, é e será o único interés que nos move para facer o noso traballo dentro da política. Nós nunca deixaremos tirados ós nosos veciños e veciñas e velaremos polos seus intereses sexa cal sexa os intereses doutras institucións, sexan esas institucións do noso color político (con maior motivo), ou de outras de color político distinto ó noso. Este é o noso compromiso e por iso temos a tranquilidade de poder escribilo e facelo público para que todos os veciños e veciñas o teñan claro.