Barreiros, 13 de xuño de 2013. O BNG de Barreiros votou en contra da ordenanza reguladora do uso das praias que se debatiu onte no pleno de Barreiros, argumentando que é unha ordenanza cun “tono excesivamente prohibicionista, que non regula as obrigas do concello (como as referidas á limpeza ou á dotación de servizos) e na que se desaproveita a oportunidade de darlle un pulo turístico ao municipio.” Para o BNG, “ a ordenanza é unha mala copia de outras normas reguladoras existentes no levante ou no sur de España e pode chegar a causas máis problemas que a solucionalos, por exemplo, co referente ás actividades que se poidan considerar molestas. Deixando cuestións absolutamente subxectivas e arbitrarias como o que cada quen pode considerar molesto en canto a xogos ou á música.”
“Os feitos de que o texto estivera en español ou que o propio Alcalde levara modificacións do mesmo no propio pleno dan boa conta de cómo foi feita a regulamentación: un corta e pega doutras ordenanzas, feita á presa e sen ter en conta a realidade do concello ao que vai aplicarse”, aseguran desde o BNG.
Por outro lado, os nacionalistas dubidan da aplicación que se poida facer da mesma, e califican de “incongruencia o feito de que se incrementen as funcións do persoal de salvamento e socorrismo, que tamén terán que levar a cabo as labores de policia, ao tempo que se está recortando no número de persoas que se adican a este servizo.”
Fomentar outro tipo de turismo como obxectivo do BNG
Pero ademais, os nacionalistas barreirenses lamentan que a ordenanza se utilice só para prohibir e con un especial carácter sancionador e recaudatorio e non se aproveite para regular cuestións que podían supor un pulo e unha diferenciación para a oferta turística de Barreiros. O BNG aposta porque “se regulen, tendo en conta os quilómetros de areais dos que dispón o concello, espazos nos que se fomente o turismo naturista e/ou nudista ou espazos aos que se poida acceder con mascotas. Estas serán algunhas das alegacións que presentará o BNG de cara a fomentar outro modelo de turismo lonxe da masificación das praias que parece que é o referente turístico que ten o goberno local”.