O próximo sábado 15 de xuño terá lugar, ás 21.00h no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o III CONCERTO MÚSICAS E LETRAS EN FEMININO que aposta pola promoción da creación artística das mulleres galegas. Se nas pasadas edicións, celebradas en Mondoñedo e Ribadeo, contouse con grandes da música galega como Ugia Pedreira ou Uxía, para este III concerto contarase coa que se considera a nova artista revelación galega, a cantautora María Xosé Silvar, Sés. Sés, que contará cos seus músicos habituais no directo como Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sáez (baixo), presentará o seu segundo disco Co xenio destrozado que saiu á venda o día 11. Ademais de Sés, tamén contará este III Músicas e Letras en Feminino coa actuación musical da moza ribadense de dezasete anos Carmen Rodríguez, que nos sorprenderá con diferentes propostas. Asimesmo, entre as actuacións musicais, rapazas do IES María Sarmiento e Vilar Ponte de Viveiro recitarán diferentes textos poéticos de autoras vinculadas á Mariña, como a viveirense Olalla Cociña, Luz Pozo, Marica Campo, Luísa Castro, Eva Moreda, Carmen Blanco ou Ugia Pedreira. O prezo xeral do bono-axuda-entrada será de 5 euros, 3 euros para o estudantado.
Sés no III Concerto Músicas e Letras en Feminino