Celeiro de Viveiro, 9 de xullo de 2013. A ría de Viveiro será o escenario da II Bandeira de Traiñeiras Deputación de Lugo, que se disputará o vindeiro domingo, 21 de xullo, entre os equipos da Liga A da Liga Galega de Traiñeiras: C. R. Amegrove, Club do Mar Mugardos, C.R. Chapela, C. R. Cabo de Cruz, S. D. Samertolameu de Meira, C. R. Vilaxoán, C. R. Cabana, C.R. Ares.
Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, asistiu á presentación desta proba deportiva xunto con Juan Vidal, xerente da Liga Galega de Traiñeiras, entidade que organiza a competición en colaboración co organismo provincial; Carlos Gueimunde, concelleiro de Deportes de Viveiro, Bernardo Fraga, presidente do Club de Remo de Celeiro de Viveiro, e o entrenador do mesmo, Pablo Piñeiro.
Durante a súa intervención, Veiga afirmou que “este tipo de actividades, ademais do valor que teñen como eventos a nivel deportivo, aportan un valor engadido que é a afluencia de xente na localidade co gallo da súa celebración, pois son moitas as persoas que, de seguro, se achegarán a Celeiro o domingo, día 21, para presenciar a competición”.
As regatas celebraranse preferentemente sobre a distancia clásica de tres millas (5.556 mts.) en catro longos e tres ciabogas sobre babor. En cada regata, confeccionaranse as tandas segundo a clasificación parcial da LGT ata ese momento, sendo a última tanda a que estea formada polos 4 ou 5 mellores clasificados, segundo teña 4 ou 5 balizas o campo de regatas. Se na primeira regata non houbesen xornada clasificatoria, as tandas confeccionaranse a sorteo.
Ademais, disputarase unha contrarreloxo de dúas tandas regateando a metade de participantes en cada unha si e posíbel e de minuto en minuto, con intervalo de 5 minutos dende que entre o último participante da primeira tanda ata que salga o primeiro da segunda e empezarase polo ultimo clasificado.