Burela, 2 de xullo de 2013. Burela acollerá do 25 ao 28 de xullo a XVIII Romaría do Monte Castelo, que se presentou nas últimas horas nun acto no que participaron o alcalde, José Mª González Barcia, as concelleiras de Medio Ambiente e Turismo, Patricia López e Mónica Pedre, respectivamente e directivos da asociación de amigos do Monte Castelo, que é a organizadora do evento.
O rexedor sinalou que “un ano máis a romaría será cita para moitos bureleses e visitantes que subirán ao monte para compartir durante catro días a festa, o bo humor, o bo ambiente, a amizade, etc…”.
A edil de Medio Ambiente solicitou que “a xente que suba ao monte actúe con sumo respecto á natureza, é dicir que se manteña o máis limpo posible, que non se causen danos nas árbores nin nos elementos que conforman a área recreativa”. Neste sentido González Barcia lembrou que “custou moitos cartos ter un área recreativa coma a que temos, aínda que na actualidade é difícil o seu mantemento, pero si nos comprometemos todos ese entorno quedará despois da romaría no mesmo estado no que se atopa na actualidade”.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo considera que “esta cita é un atractivo moi importante dentro do mes de xullo, que se está a configurar ano tras ano en Burela. É un mes de xullo potente no que conxugamos festas históricas, coma a que se celebrará a vindeira fin de semana, con romarías populares coma esta do Monte Castelo, pasando por unha serie de eventos musicais que, sen lugar a dúbidas, de manterse este ritmo o mes de xullo en Burela será dentro duns anos un dos meses de xullo máis cotizados de toda A Mariña”.
O alcalde, José Mª González Barcia, engadiu que “a idea do Concello é poñer a Burela nun lugar preferente no mapa turístico da provincia de Lugo, fundamentalmente da costa, e penso que entre todos o estamos a conseguir”.