Celeiro de Viveiro, 19 de xullo de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou na presentación do VIII Festival Arreaocabo, que se vai celebrar o vindeiro 24 de xullo, a partir das 21:30 horas, na explanada das Lavandeiras, no marco das festas patronais e do Mar de Celeiro de Viveiro.
Miguel Costas, Terbutalina, The Lakazans, Sunday Morning Club e Factory son os grupos convidados a esta nova edición do festival que organiza o colectivo Chilindrín en colaboración coa institución provincial. A entrada será gratuíta e haberá unha zona de acampada a disposición dos asistentes.
Durante a súa intervención, Antonio Veiga referiuse a este festival como “unha cita coa música totalmente consolidada na comarca, sobre todo entre a xente máis nova, que se ten convertido nunha alternativa de lecer nocturno de referencia para a xuventude mariñá”.
“Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo – continuou Veiga- apostamos por actos deste tipo, que ademais de acoller unha vertente cultural, serven como elemento de dinamización turística e económica, neste caso para Viveiro e para a comarca da Mariña”.