OLLO AO DATO! RECUNCHO DE ECONOMÍA. Son as 12 da mañá do mércores, 10 de xullo. Un informativo radiofónico dá conta dun grave atentado ao sector naval galego (e a algunha nación e rexión do resto do Estado español no que a construción naval ten importancia, como o País Vasco e Asturias respectivamente).
O atentado atribúese ao CO MANDO AL – MUNIA. Parece que CO MANDO a distancia, desde Bruxelas, o (incompetente) comisario de Competencia da Comisión Europea levou a cabo un gravísimo ataque ao noso sector naval, que pode destruír ao redor de 14.000 empregos só en Galicia, computando os das empresas de construción naval, das súas empresas auxiliares e os xerados na actividade económica xeral da nosa nación polo coñecido “efecto multiplicador” dos investimentos.
Vanse reclamar aos inversores as axudas públicas recibidas desde o día 30 abril de 2007 (data da publicación no “Boletín de la UE” da resolución contra o tax lease de Francia) ata novembro do 2011, mes no que se aprobou o actual sistema español de tax lease. O executivo da UE non cuantificou o importe a devolver.
De pouco valeu a constatación de que en 2009 a entón era comisaria de Competencia da Comisión Europea, Neelie Kroes,ditaminase por escrito (tras unha pregunta do goberno de Noruega ao respecto) que o noso sistema de tax leaseera legal, válido plenamente. Carta que, por despexar situacións de incertidume, tivo un efecto directo de que numerosos armadoresde Noruega lle encargasen barcos a España.
De nada valeu, visto o visto, que a resolución de AL – MUNIA contradiga o criterio repetidamente sostido polo Tribunal de Xustiza da UE (asuntos:C-322/09P e C-521/06P) que deu plena validez xurídica a estas axudas públicas, en resposta á carta dun alto cargo da Competencia da Comisión Europea na que denunciarade presunta ilegalidade dese mecanismo de apoio vía bonificacións fiscais.
Este sistema, que estableceu incentivos na fiscalidade empresarial, foi aprobado tamén en España; neste caso, pola Dirección Xeral de Tributos (do Ministerio de Facenda). Precisamente a este organismo se lle deben devolver as axudas públicas declaradas agora incompatibles coa lexislación comunitaria.
Escoito esta mesma mañá unhas declaracións do actual comisario de Competencia aos medios de comunicación nas que defende, unha vez máis, a súa esixencia de rigor máximo para cumprir o establecido pola UE no Tratado de Lisboa, que contrasta coaactitude de outros membros do Colexio de comisarios, como o de Mercado Interior, o de Pesca, o de Xustiza, o de Política Rexional e, sobre todo,coa do italiano AN – TONIO Tatani, comisario de Industria,que se mostrou favorable a flexibilizar ao máximo a decisión deste órgano, para causar os mínimos males á xeración de PIB e postos de traballo. Lamentablemente para as ducias de miles de familias que no Estado español dependen do sector naval (directa ou indirectamente) o resultado desta confrontación foi contundente: España,3 – Italia,0; o que é realmente máis estraño é que os tres goles fosen metidos na propia meta por Joaquín, que estivo situado sempre na dianteira, atacandoteimosamente os intereses do noso sector naval.
Cando AL – MUNIA vai conducindo por unha autovía e ve que todos os coches veñen en dirección contraria, seguro que é dos que pensa que os demais son os que están equivocados. De nada valeu que todos os partidos políticos (incluído o PSOE, no que el milita), sindicatos, agrupacións empresariais do naval como PYMAR (Pequenos e medianos asteleiros en reconversión), tres presidentes de comunidades autónomas (entre eles o galego), o ministro de Industria do goberno español ou o Parlamento español por unanimidade lle presentasen argumentos de peso, xurídicos e máis económico-sociais.
Todos eses esforzos tan só serviron para que, nunha decisión que o comisario europeo da Competencia pode entenderr como “salomónica”, aprazase do ano 2005 ao 2007 o comezo da devolución das axudas públicas. Por certo, o trienio 2007-2009 é o dos anos de maior produción e beneficios no sector naval español, e queda incluído (agás o primeiro cuadrimestre de 2007) no período no que rexe a obriga de devolución das axudas públicas.
Cómpre salientar o agravio comparativo que supón esta decisión respecto da que a Comisión Europea publicou no Boletín da UE o 30 de abril de 2007 contra Francia, na resolución do expediente que se fixo público o día 13 de abril de 2005. Ese Estado, cun sistema detax lease semellante ao español que foi declarado incompatible coa normativa da UE, debeu cambialo pero non tivo que devolver nin un euro das axudas pública ata entón recibidas polo seu sector naval. Carafio cos resistentes poboados galos!
E a río revolto, ganancia de pescadores. Moi ledos deben estar os empresarios navais de China, Corea do Sur e outros Estados (basicamente do sueste asiático, pero non só) por este agasallo de AL – MUNIA, que propiciará, sen dúbida algunha, que se acelere a deslocalización industrial cara aqueles Estados. Anque os acusemos de dumping social e medioambiental, o caso é que eles construirán os novos buques: alí quedarán os postos de traballo e o valor engadido. Dos 7.098 barcos que se están a construír no mundo, 2.519 fanse en China, 1.093 en Corea do Sur e 996 en Xapón. En toda Europa? 856; en España?, só 49.
Que comunidades autónomas van ser as máis afectadas? Tres: Galicia (50% da construción naval de todo o Estado), País Vasco e Asturias. A nosa nación vai ser a máis perxudicada, moi especialmente a comarca de Vigo, na que os seus oito pequenos e medianos asteleiros (dos 16 do total estatal) quedan gravemente feridos con este disparatado atentado xurídico, económico e social, que ven coincidir coa fonda crise empresarial dunha multinacional galega que ten alí as súas raíces e a súa sede: PESCANOVA.
De novo os luns ao sol? Iso parece,e desta volta pola arbitraria decisión dun “iluminado” político español, que coa súa intransixente postura impediu calquera tipo de acordo cos seus interlocutores (patronal e sindicatos do naval, representantes do goberno central e tres presidentes de CC.AA, eta). Por se non fose agravio de abondo a salvaxe reconversión naval da década dos 80 e a posterior prohibición de construción de buques civís en Ferrol, esta medida ven rematar a desfeitadun dos sectores básicos tradicionalmente da economía galega, convérteo nun verdadeiro “bonsai atlántico” (Manolo Rivas dixit). Só quedan promesas para os períodos electorais: supostos acordos con PEMEX para investimentos multimillonarios (en euros) dos que nunca se ensinou o contrato, promesas de construción do dique flotante …e outros coellos que de cando en cando saltan desde a chistera do presidente Feijoo.
Consecuencias desta infausta decisión? sinalarei tres: o peche de moitas empresas e a destrución de moitos miles de postos no sector naval español (co negativo impacto sobre a economía das comarcas afectadas), a devolución dunhas axudas recibidas…mesmo hai seis anos e, por último pero non menos importante, a inseguridade xurídica que creou. Hai un “efectos estampida” sobre os potenciais inversores que cómpre avaliar, pois os “efectos colaterais” no financiamento futuro da construción naval pode mesmo ser maior que o importe das axudas públicas a devolver.
Cabe, no prazo de dous meses, o recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE, que xa revocou varias decisión da Comisión Europea…pero o sistema é lento; pasarán anos e mentres seguirá a incertidume, que implica inseguridade para os investimentos… e incentiva a contratación dos buques noutros Estados. O ministro de Industria do goberno español xa encargou ao servizo xurídico que prepare os posibles recursos ante o Tribunal de Xustiza da UE.
Seica a cadea televisiva AL -YAZIRA ven de confirmar, tras pesquisas no entorno de AL – QAEDA e AL – FATAH, a autoría deste grave atentado ao sector naval español por “fundamentalistasneoliberais non islamistas”. Nada ten que ver con ETA, por máis que JOAQUÍN AL – MUNIA AMANN nacese en Bilbao (…podendo nacer onde lle dese a gana, como bilbaino que é) e a dereita máis recalcitrante ande na procura de pistas das “spanish e frenchconection” transpirenaicas.
Non, o brazo executor desta forte sangría laboral non debemos buscalos en lonxanas montañas asiáticas nin nas cloacas do Estado. Chámase (chámanlle) Joaquín e, CO MANDOen praza europea nos asuntos da súa comisaría, ven de amolarnos unha vez máis coa súa incompetencia. Non estaría mellor de comisario de Incompetencia? Naceu en 1948, polo que en 2013 ten 65 anos. Que se xubile xa, polo ben do noso sector naval…e da nosa actividade económica en xeral.
O político que representou ao sector “oficialista” do PSOE cando este instaurou a selección do candidato electoral polo mecanismo das eleccións primarias (e perdeu fronte a JosepBorrell), foi ministro de Traballo, ministro de Administracións Públicas, presidente e portavoz do grupo parlamentario do PSOE, secretario xeral do PSOE, candidato do PSOE a presidente do Goberno español estrepitosamente derrotado por José María “Asnar” (non é un calquera da política), atopou acomodo no retiro dourado das institucións da UE.
Penso que se gañou a pulso o dereito á xubilación. De luxo, por certo, polas prebendas que a “clase política” segue a manter: non pagan impostos por unha parte notable do que cobran das Administracións Públicas, adquiren o dereito á percepción da pensión de xubilación con poucos anos de cotización… e unha ducia de privilexios máis que non vou desenvolver polo miúdo aquí. Por se non chega con iso, ás veces compleméntanse as rendas con “sobres marróns” como sobresoldo pola dureza da “profesión” (porque, lamentablemente, o exercicio político converteuse para moitas persoas nunha profesión).
Escoito, xa rematando este artigo, que hai unha proposta paraque AL – MUNIA sexa declarado persoa non grata no Pleno do concello de Vigo. Noncumpriríaestendelo nomeamento a todas as zonas nas que teña importancia a construción naval? Mesmo os habitantes de La Almunia de Doña Godina, concello zaragozano ao que fixeron repetidas visitas gastronómicas excursionistas chairegos hai ao redor dun terzo de século, poden plantexarsepasar a chamarse simplemente “La de DoñaGodina”, anque probablemente “pasen do tema”…porque certamente teñen máis potencial económico(e non moito) no sector nabal que no naval.
Ollo ao dato!: Confírmase agora mesmo que quen cometeu este grave atentado ao naval é un comisario español, de segundo apelido AMANN! Se cadra, élles o mundo ao revés: todos a esa comisaría! (para protestar)! AL – PAN, pan…e ao viño, viño…anque algún teña ao redor dun 70% de auga (xa haberá quen compense a prol do viño).
Manuel Roca Cendán