Mondoñedo, 11 de xullo de 2013. A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo aprobará, na súa xuntanza de mañá venres, a concesión dunha subvención directa de carácter excepcional por valor de 150.000 euros ao Concello de Mondoñedo para sufragar os gastos do proxecto do Centro de Interpretación da Prehistoria co que se pretende promover o turismo do municipio e a comarca e frear a despoboación da zona.
Tras facer este anuncio durante un encontro co alcalde mindoniense, Orlando González, Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación Provincial, explicou que “o proxecto contempla unha serie de actuacións que contribuirán a consolidar Mondoñedo como referente turístico grazas á súa oferta cultural e patrimonial. Ditas accións comezan coa continuidade da rehabilitación e restauración do Barrio de Vilar como punto de partida para acometer a creación do Centro de Interpretación da Prehistoria.”
“A aldea do Vilar -precisou o vicepresidente – deixará de ser un lugar deshabitado para converterse nun emprazamento de referencia para os turistas unha vez que entre en funcionamento este Centro de Interpretación da Prehistoria no que se fará referencia a tres bloques de estudo e investigación, o paleolítico, o megalítico e a cultura castrexa. Desde a área de Cultura e Turismo apoiamos esta iniciativa porque actuará como complemento ás visitas guiadas á Cova do Rei Cintolo, en canto o futuro centro estará nas súas inmediacións, e porque tamén pretende ser unha medida de choque contra o despoboamento”.
Desde a Vicepresidencia da Deputación insístese en que “o proxecto para a creación do Centro de Interpretación da Prehistoria maximizará o potencial turístico e reforzará o carácter monumental de Mondoñedo, cuxo Casco Antigo foi declarado Ben de Interese Cultural” e lembran que “o concello de Mondoñedo é unha das vilas da comarca da Mariña con maior afluencia de turistas, constituíndo,en especial as súas covas, unha fonte de riqueza, pois cada ano atraen a máis de 1.000 visitantes”.
Pola súa parte, o rexedor municipal agradeceu o apoio e colaboración da Vicepresidencia da Deputación con esta iniciativa que cualificou de “inédita na comarca” e coa que se pretende “acercar o visitante á realidade da prehistoria mindoniense permitíndolle facer unha visita turística pola arqueoloxía da zona que define a pegada dos nosos antergos”.
“O Centro de Interpretación da Prehistoria constitúe unha boa maneira de enxalzar as excelencias turísticas dunha das cidades máis antigas da provincia” – concluíu Orlando González.