Burela, 10 de xullo de 2013. O alcalde, José Mª González Barcia, agradece a visita cursada a Burela pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que mantivo un encontro con colectivos de mulleres para explicarlles o programa Emega da Xunta.
O rexedor dixo que “Susana López Abella veu explicar as características e as liñas xerais de actuación do programa Emega aos colectivos de mulleres que hai aquí en Burela e tamén ás mulleres que figuran na nosa bolsa de emprego. Trátase do plan que puxo en marcha a Xunta para aquelas mulleres emprendedoras que queiran arrincar con algún negocio de xeito autónomo. Trátase de buscar fórmulas que palíen o paro que vive o sector feminino, é dicir buscar fórmulas para a inserción laboral da muller mediante o auto emprego ou actividades semellantes”.
Para González Barcia “é unha satisfacción que Susana López Abella teña elixido Burela para explicar as condicións do plan Emega, tendo en conta que somos un concello cun importante tecido socioeconómico e tendo en conta tamén que a secretaria xeral de Igualdade ten especial sensibilidade co noso Concello. Ela na medida das súas posibilidades atende sempre as peticións que lle formulamos desde aquí, desde a Área de Muller e Igualdade. O ano pasado o Centro de Información á Muller tivo unha axuda por parte da súa Secretaría Xeral do 91% do importe total que se podía subvencionar. Nós pedimos 45.000 euros e nos deron 41.000 euros e iso é unha cifra importante para nosoutros”.
Ao alcalde burelés tamén lle parece positivo que visite o centro San Aníbal, “porque dito centro é un exemplo do que debe ser a contribución das institucións non políticas nin administrativas en materia de servizos sociais. Si o Orde do Divino Celo se tivera que marchar de Burela teríamos un serio problema en canto á prestación de servizos sociais porque o traballo que elas están a facer o Concello non o podería abordar. Agradecemento dobre a Susana López Abella por vir a Burela e a esta congregación relixiosa por la aportación que están a facer tan importante en materia de servizos sociais para Burela e para toda a comarca”.