A Mariña, 10 de xullo de 2013. O venres 12 de xullo, ás 20:30 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura de Riotorto vai acoller un acto preparatorio do Día da Patria Galega no que van intervir Federico Gutiérrez Estoa, alcalde de Riotorto e membro do Consello Nacional do BNG, e Bautista Álvarez, fundador do BNG e militante nacionalista desde fai máis de 50 anos.
Segundo indicou Ana Ermida, responsábel comarcal do BNG, “esta palestra inaugura a campaña de preparación do Dia da Patria Galega de 2013 na comarca da Mariña; unha campaña que pretende achegar a reivindicación da data aos nosos veciños e veciñas e, por suposto, convocalos para a grande mobilización patriótica do 25 de xullo en Compostela”.
O acto ao que nos estamos a referir enmarcase na campaña de axitación do Día da Patria Galega que estamos a organizar os nacionalistas, na tripla perspectiva de explicar ao noso pobo os obxectivos do BNG neste momento político, tamén na dirección de clarificar o significado estratéxico da loita do nacionalismo e de someter a análise as reivindicacións que dan sentido á nosa alternativa.
A portavoz comarcal dos nacionalistas na Mariña indicou que “se todos os 25 de xullo revisten unha especial significación, o 25 de xullo deste ano demostra con máis claridade que a demanda de soberanía para o noso País non é simplemente a plasmación concreta dunha reivindicación que se vincula ao noso carácter nacional, senón que sen soberanía política, isto é sen contar cos instrumentos que lle son propios a un Estado, Galiza atópase absolutamente desarmada e sen folgos para facer fronte á crise económica e para unha xestión da mesma que non signifique máis atraso para a nosa nación e máis miseria para súas clases populares”.
Ana Ermida lembrou que “as demandas que son propias dos nacionalistas desde os tempos de Castelao, desde aquela xeración que puxo en pé as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista, acadan hoxe particular vixencia. O deterioro da democracia, secuestrada por iso que dan en chamar os mercados e que non é máis que o capitalismo de sempre, a destrución do tecido económico de Galiza atendendo ás directrices que emanan do Estado Español e de Europa, e se o Estado Español aniquila o sistema financeiro galego após roubar aos aforradores, a Unión Europea aniquila o naval, ou o empobrecemento xeneralizado das clases populares demostran que sen soberanía non hai futuro para o noso pobo”.
“Son tempos de mobilización e loita” afirmou Ermida que fixo “un chamamento a sociedade da Mariña a participar dos actos previos ao Día da Patria Galega e da mobilización patriótica do 25 de xullo. Non temos dúbida que o debate político, a clarificación ideolóxica, a formación sobre os principios reitores do noso proxecto e unha practica consecuente son piares para mudar este noso País hoxe empobrecido e agredido polo Estado Español e a Unión Europea, nunha nación próspera e socialmente xusta”.