Barreiros, 18 de xullo de 2013. Na tarde deste xoves tivo lugar no Centro sociocultural de San Cosme, en Barreiros, un acto organizado polo BNG baixo o título O urbanismo en Barreiros, un pelotazo ao servizo do PP. Nel tomaron parte a responsábel local do BNG en Barreiros, Belén Fernández; o concelleiro da formación en Barreiros, Antonio Veiga; a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida e a deputada no Parlamento de Galiza, Ana Pontón.
Durante o acto, fíxose un percorrido pola política urbanística en Barreiros nos últimos anos e plantexouse a “necesidade de outro tipo de políticas que poñan o interese xeral por riba dos intereses particulares ou de grupo, que foi o que veu facendo o Partido Popular neste concello.” Neste sentido, os nacionalistas afirmaron que “o PP non dubidou en poñer a Barreiros á mercede dos intereses foráneos e especuladores, poñéndoo en venda por parcelas e deixando as desatrosas consecuencias que temos hoxe.”
Os nacionalistas plantexaron no acto cales son os resultados desta política para as veciñas e veciños de Barreiros, concluíndo que “mentras o PP non dubida en legalizar con diñeiro público o que se fixo ilegalmente, deixa un concello endebedado, con uns servizos máis caros e peores”. “A política urbanística aplicada non deixa ningún beneficio para o conxunto da cidadanía barreirense, se non ao contrario. Por moito que se empeñen en vender as migallas que sobran como grandes obras, seguimos sen saber en que se invertiron os cartos que se ingresaron por licenzas”, manifestaron.
O BNG ironiza tamén sobre o anuncio feito hoxe mesmo polo rexedor barreirense e aseguran que “se é preciso faremos actos todas as semanas para que así vaia anunciando inversións en Barreiros. Non cremos que sexa casual que hoxe anuncie que se vai poñer en funcionamento unha depuradora, vendendo como grande inversión 40.000€; mentras se perderon polo camiño millóns de euros.”
Para os nacionalistas, o caso de Barreiros non é algo puntual, senón que resposta a un xeito de entender e facer política, que é a política que aplica o Partido Popular. “Comezouse coa venda do derrube do Complexo no 2002 a unha empresa (que tamén nese ano levou a cabo a rexeneración da praia de Altar) que agora figura entre os doantes do PPdG no 2006 e continuouse coa venda por parcelas do noso concello a todo aquel que estivera disposto a pagalo, aseguran os nacionalistas.”