Santiago, 16 de xullo de 2013.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, fai unha valoración positiva do acordo acadado este luns 15 de xullo no Consello Europeo de Ministros de Pesca sobre o novo Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro –FEMP–. Segundo a conselleira, tivéronse en conta os criterios socioeconómicos da actividade pesqueira –como reclamaba Galicia– para establecer o reparto dos fondos. Entre estes criterios figuran o emprego, o número de embarcacións ou a produción.
Rosa Quintana considera que con estes criterios España e Galicia van saír moi beneficiadas co acordo. Nesta liña, tamén cualificou como positivo o consenso por unanimidade para modificar a definición de “pescador”, podendo incluír agora no Fondo ás mariscadoras, redeiras e traballadores de almadraba (no caso de Andalucía).
A titular de Medio Rural e Mar advertiu que falta por terminar de definir o que se entende por pesca costeira artesanal e que neste sentido a Xunta vai insistir en que se inclúan dentro desa definición as embarcacións de máis de 12 metros de eslora. Engadiu que considera “pouco xusto” que este tipo de embarcacións queden fóra deste recoñecemento, cando a diferenza é de moi poucos metros na maior parte dos casos e tendo en conta que traballan nas mesmas zonas e pesquerías ca os de menor eslora.
A conselleira acudiu a Bruxelas acompañando ao ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, en representación dos intereses pesqueiros das comunidades autónomas españolas ante a Unión Europea.