O vindeiro día 27 de xullo, ás 17,30 horas, con entrada libre ó recinto do Instituto de Alfoz – Valadouro dará comezo o acto de honra a tódolos músicos destas terraspromovido pola asociación cultural O Mundo de Galea quen convida a tódolos veciños e visitantes dos concellos de Alfoz, O Valadouro e do resto da comarca.
O grupo folclórico da Asociación Cultural Amado Lar amenizará con música e bailes tradicionais a recepción de tódolos asistentes entre os que se agardan representantes das administracións locais, provincial e autonómica, todas elas receptivas e colaboradoras co acto que continuará coa inauguración dun monolito con placa conmemorativa e cunha ofrenda floral na honra de tódos aqueles esforzados músicos que sen regatear esforzos realizaron os seus soños dando vida a bandas e orquestras ó longo máis de cen anos para orgullo dos seus pobos.
As autoridades locais recibirán sendas placas idénticas para seren colocadas en lugares significativos dos seus respectivos concellos.
A continuación farase a presentación do libro Lembranzas Musicais de Valadouro, prologado por Pedro Rubal Pardeiro, fillo predilecto de Alfoz e amparado pola Área de Cultura da Deputación Provincial, no cal se condensa a historia de máis de douscentos músicos recollidas por María Paz Rodriguez Silva e Francisco Piñeiro González nun exhaustivo traballo de campo que ten por obxectivo servir de consulta ás novas xeracións e de punto de base para investigacións máis profundas.
Rematadas as intervencións oportunas, reencontraranse co seu público as míticas e añoradas Orquestra Maseda e Los Mejoranos que irán incorporando a outros músicos veteranos para unirse a Miro Casabella, cantautor do Valadouro de prestixio internacional,realizando todos xuntos un fin de festa fraternal ó abeiro dun servizo de catering a prezos populares.
O Mundo da Galea agradece o tesón e o esforzo de todos cantos colaboraron intensamente para poder ofrecer esta homenaxe merecida.