“Conta a lenda que a Maruxaina é unha serea loura, metade peixe, metade muller que vive na cova de San Vello, nos illotes dos Farallóns…entre percebes e mexillóns, onde pasa o tempo fiando con febras de liño. Nos días de temporal sóbese ao alto da Sombriza berrando e tocando o corno…hai quen di que para avisar aos mariñeiros do perigo que corren… outros que para enganalos e levalos a naufragar… de aí a polémica que dende tempos inmemoriais hai na vila mariñeira de San Ciprián…” de aí a orixe máxica dunhas das festas máis multitudinarias da nosa comarca, declarada de interese turístico galego.
Chegado o segundo sábado de agosto, a xornada chamada a revivir a lenda, a Península da Paz convértese nun pobo entusiasta entregado en corpo de alma á serea. Faino desde a paixón emocionada dos veciños desta localidade que reproducen as roupas dos mariñeiros e peixeiras de séculos de outrora, e desde a acollida festiva dunha multitude de persoas procedentes de todos os recunchos dispostos a sumarse como un máis, como maruxainas e maruxainos contaxiados desta atmosfera excepcional que chamamos lenda.
Como veciño de San Ciprián tan só teño palabras de admiración, apoio e respecto para todas aquelas persoas que fan posible esta festa e que traballan por actualizar o seu espírito lexendario. Como copartícipe da súa organización ao integrar anos atrás, en moitas ocasións, varias comisións de festas, sei do esforzo que esixe e do ingrato que ás veces pode chegar a ser unha tarefa destas características. Como maruxaino de honra, recoñecemento que me enche de orgullo e que obtiven no ano 2010, quixera facerme voceiro de moitos e con humildade pedir a todas e todos para que nos acompañen. Convidarvos a vivir esta festa, a formar parte desa lexión de namorados pola serea que cada ano veñen ata o antigo pobo mariñeiro que visualiza os Farallóns.
“Xulgada publicamente, e achada inocente, a xente baila con ela ata chegar a madrugada, acompañados dunha purificadora queimada, e ata o intre no que é liberada, … cando a Maruxaina escapa cara a súa morada na cova”.
Cantas lendas, festas, actividades culturais e recreativas temos dignas de gozar no conxunto das vilas e pobos da Mariña lucense, que en cada estación dispón de múltiples argumentos para ser visitada. Temos moitas razóns para estar orgullosos desta comarca. Veciños ou visitantes, seremos capaces de sentir en calquera momento ao noso redor, o verde osixenado dos nosos montes, o son das ondas, o olor da auga salgada, o suavidade das areas, o dos ouvidos do mar… o feitizo desta Mariña máxica, empezando, pode ser unha boa idea, polo embruxo da Maruxaina.
José Manuel Balseiro
Secretario do Parlamento de Galicia