A Fundación TIC realizou preto de 50 actividades no que vai de verán coa participación de alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), baixo a supervisión de profesionais da entidade. Deste xeito, durante os meses estivais continúa a actividade formativa do organismo dependente da Deputación, cumprindo uns dos seus principais obxectivos: a formación de calidade, coa realización de prácticas en escenarios reais, para favorecer a integración laboral dos seus alumnos.
Entre as actividades da TIC neste período destaca a emisión en directo por streaming de todos os concertos do Resurrection Fest, celebrado do 1 ó 3 de agosto en Viveiro, ó que asistiron máis de 30.000 persoas. O festival foi realizado por un equipo formado por unha vintena de profesionais, bolseiros e alumnos da Escola que quixeron participar nesta práctica, unha ocasión única para coñecer de primeira man o traballo necesario para a realización, emisión e gravación dun evento destas características. Ademais, contribuíuse a unha maior proxección do Festival e á promoción de Viveiro e A Mariña.
Promoción da provincia, da cultura e do deporte
Precisamente, a promoción da provincia, das súas actividades festivas e gastronómicas, e dos eventos deportivos e culturais é outro dos obxectivos dos traballos audiovisuais e reportaxes elaborados este verán coa participación dos bolseiros, uns traballos difundidos a través de canles de televisión, radio, xornais dixitais e axencias de noticias.
Cubríronse, entre outras, a Feira de Cantería, Callos e Artesanía de Guitiriz, as festas patronais de Cervantes, a Festa do Marisco de Viveiro, as feiras de artesanía de Viveiro, Castroverde e Ferreira de Pallares (Guntín), a Festa do Emigrante de Pol, a rapa das bestas en Friol, a Concentración de Coches Clásicos do Incio, o concurso de tapas da Fonsagrada e o Día do Mariscal Pardo de Cela en Alfoz. A etnografía e a recuperación de tradicións recolléronse coa gravación das mallas de Meira e Orbazai, o Festival Histórico de Augas Santas, a Romaría Labrega da Chaira ou a II Foliada de Seoane en Antas de Ulla.
Tamén se fixo un seguimento a actividades deportivas como o Criterium Aeronáutico Galicia 2013, a Peregrinación Marítima, o Trofeo Kickboxing Comarca de Ancares, o DHU Vila de Sarria, o Girls Surfing Day, o Anticampionato de surf e o curso de surf para nenos con autismo. Polo que se refire ás actividades culturais, a homenaxe que se rendeu ós músicos do Valadouro, a exposición “100 anos do Heraldo de Viveiro”, a mostra de traxes rexionais en Meira, o Festiclown, a Feira do Libro Antigo e de Ocasión de Lugo e o Amajazz de Burela, así coma unha reportaxe sobre as escavacións na Cova de Eirós, en Triacastela.
Matrícula completa por 6º ano consecutivo
O curso 2013-2014 comezará o 16 de setembro coas 44 prazas dos Ciclos Superiores de Realización e Produción cubertas. Este é o sexto ano consecutivo que a EIS completa a matrícula e con lista de espera no apartado de Realización.
Este curso a matrícula volveu ser de balde, agás para os repetidores, grazas ó esforzo económico da Fundación, co obxectivo de facilitar o acceso a un ensino gratuíto de calidade.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



