Grupo Municipal do PP de Ribadeo.- O feito de cumprir 100 anos supón xa de por si un motivo de alegría e de recoñecemento. Cumprilos mantendo unha traxectoria exemplar supón un motivo máis de ledicia. Facelo sabendo evolucionar e cedendo o paso a todos os que queren mellorar e favorecer ó club, é xa a pegada definitiva que converte este centenario nunha festa e nunha satisfacción que debemos compartir tódolos ribadenses.
Co mesmo ímpeto co que durante estes 100 anos o RIBADEO F.C. mantense no deporte de elite, o grupo municipal do PP quere manifestar publicamente a súa satisfacción, orgullo e agradecemento a aqueles que fixeron posible que durante todo este tempo nos campos de fútbol de primeira ou segunda rexional, de 3ª división, ou, como ben pasando nas últimas tres tempadas, en categoría Preferente, amosan o seu esforzo e cariño por este club lonxevo; así mesmo tamén debemos lembrar agora a aqueles que, desde o banquiño do campo, desde os vestiarios, desde todos os minutos que quedan ó longo dos días previos e posteriores ós partidos animan e alimentan a ilusión no deporte e nos seus, desde os máis pequenos ata os máis veteranos, desde os que xa se foron e só quedan nas lembranzas ata os que aínda terán que medrar para conseguir o seu posto no club.
Compartir entre todos e todas as ribadenses este tempo de deporte supón participar como cidadáns na mellora do noso contorno vital. Así, unha vez máis e desde a grada, desexámoslle ó Ribadeo F.C. moitas felicidades por ter tan boa saúde, agradecémoslles a todos os que estiveron e están implicados neste labor e agardamos que este bo facer se prolongue no tempo futuro.
Grupo Municipal do PP de Ribadeo