O Teatro de Ribadeo acollerá entre o 26 e o 28 de agosto o Ciclo de Cinema Árabe JLai Amal cada día a partir das 21.30 horas e con entrada de balde. O luns proxectaranse as curtas Ensemble e Rabat, ambas de corte documental, dirixidas por Mohamed Fekrane e de nacionalidade francesa. A primeira baséase na historia real dun neno xudeu que se refuxia na Gran Mesquita de París escapando dos nazis, mentres que a segunda fala da amizade de tres mozos que emprenden unha viaxe dende Holanda a Marrocos analizando tamén o conflito entre os valores de modernidade e tradición que vive a poboación inmigrante nos países occidentais. O martes proxectarase Le thé ou l’electricité, unha longametraxe sobre a modernización dunha pequena vila illada no corazón do Alto Atlas marroquí. Finalmente, o mércores será a quenda da curta Eid, sobre un artesán do plástico que vive en Palestina baixo a ocupación israelí, onde se adica á fabricación de obxectos con pezas que os demais considerarían refugallo; e Bromas Aparte, unha mediametraxe dunha directora moi nova que viaxou a Cisxordania convencida de que o humor non ten fronteiras.
Ciclo de Cinema Árabe en Ribadeo