A Asociación Cultural Mundo de Galea celebra o Día do Mariscal Pardo de Cela, efeméride tradicional que chega á XI edición. A data da celebración será o domingo 18 de agosto dando comezo ás 13:00 horas na Casa da Cultura de Alfoz, onde o xornalista e escritor Miguel Vila Pernas disertará sobre a gastronomía galega, sendo esta a especialidade avalada por distintos libros e premios recibidos. Serán investidos (atributos da orde) Cabaleiros do Mariscal e Dona de Sabela de Castro nesta edición: o médico humanista, escritor e dinamizador cultural Pablo Mosquera Mata; o xornalista e escritor Miguel Vila Pernas; o escultor e pintor Hipólito Xeada e a directora teatral Mª Paz Rodríguez de Piñeiro. Tamén se plantará un castiñeiro no bosque do Mariscal na Finca Galea, onde se celebrará o xantar de confraternidade para seguidamente proceder ó acto de investidura presidido polos persoeiros Cabaleiros e Donas de anteriores edicións. O honroso acto de recoñecemento ós méritos de ilustres persoeiros en pro do desenvolvemento no eido histórico, cultural, artístico, empresarial da Mariña Luguesa finalizará cun breve e selecto recital do dueto Maica e Joany. O Mundo de Galea convida a asistir a socios e veciños da bisbarra da Mariña ós actos programados. En caso de quedarse ó xantar, deberán facer a reserva de tarxetas antes do martes 13.
Día do Mariscal Pardo de Cela en Alfoz