Cervo, 23 de agosto de 2013.- O Festival Arroutada volverá soar de novo o próximo xoves despois de que a Concellería de Xuventude, que dirixe Yolanda Pedreira, recuperase este evento musical pensado para a mocidade. O Concello de Cervo deu este venres a coñecer os grupos que forman parte do cartel.
Neste regreso da Arroutada o departamento de Xuventude optou por contar con grupos locais, como son o Clan Maragato e GLS, ambos de San Ciprián e tamén por conxuntos da provincia de Lugo, en concreto de Vilalba, como son Postergel e Mi perro Vincent. Un evento no que colabora a Asociación Anxuela.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Xuventude, e varios compoñentes dos grupos locais deron hoxe a coñecer o programa, que comezará ás 19:00 horas cunha actuación sorpresa no porto de San Ciprián. O prato forte será ás 22:00 horas, cando arrinquen as actuacións dos grupos da Arroutada 2013.
Nesta ocasión, o festival desenvolverase na praza dos Campos, sendo a primeira vez que este espazo público acolle este evento musical. “A praza dos Campos é un emprazamento ideal pola súa amplitude pero tamén por atoparse no centro da vila e practicamente á beira do mar, polo que agardamos que a nova ubicación sexa un atractivo máis deste evento” explica Pedreira.
En canto á oferta musical da Arroutada, cabe destacar a variedade de estilos que se poderán escoitar, dende o folk fusión do Clan Maragato, o punk rock de Mi perro Vincent, o power pop de Postergel e as mesturas de funk e soul de GSL. “Un cartel completo, co que pretendemos ofrecer unha xornada lúdica especial á nosa xuventude” engade a edil.
Os grupos da Arroutada 2013
O Clan Maragato conformouse no 2004 a partir de compoñentes do grupo Mistura de Lieiro, cun amplo repertorio de temas con base folk, de creación propia ou adaptacións de cancións tradicionais, e algúns deles recompilados no seu primeiro álbum. Os festivais máis relevantes de Galicia contaron coa súa presenza nos últimos anos. Todos os seus membros, agás a cantante, de orixe coruñesa, son de San Ciprián. Repite na Arroutada.
O outro grupo local é GLS, no que a amizade mesturouse coa afección pola música para conformar un grupo que leva xa 13 anos enriba dos escenarios. Un conxunto con cinco compoñentes puramente mariñáns, catro deles de San Ciprián e un de Burela. Máis dunha década deleitando ao público con composicións propias e versións e con estilos que van dende o pop, o rock, e especialmente o funk e o soul. GLS tamén ten participado en anteriores edicións da Arroutada.
Sen saír da provincia de Lugo atopamos a Mi perro Vincent, un grupo vilalbés que ten no seu haber unha maqueta, “Entre los dientes de Godzilla”, coa que teñen participado con éxito en varios concursos de música, e que traballan xa na gravación do seu primeiro disco autoproducido.
Da mesma Terra Chá saen tamén Postergel, que nos seus 10 anos de traxectoria musical poden falar de maquetas e álbums propios, o último deles “Curvatura espacio tiempo”, con 8 temas dos que darán boa conta o próximo xoves.