Lugo, 14 de agosto de 2013.- O Grupo Provincial Popular considera que Antón Veiga ofrece un espectáculo bochornoso cando, nun intento de agochar a realidade, nega que os salarios dos integrantes da trama de asesores se pagan con cargo ás arcas públicas provinciais.
Os populares descubriron nas pasadas datas que a Deputación de Lugo tiña ata catro asesores contratados na área de Cultura que en realidade traballaban ao servizo partidista do BNG. Esta trama implicaba un gasto estimado para a Deputación de entorno aos 200.000 euros.
MINTE CANDO AFIRMA E CANDO RECTIFICA
“Advertimos da perigosidade do vicepresidente, Antón Veiga minte cando afirma e minte tamén cando rectifica. Non di a verdade cando asegura que as retribucións destas catro persoas fanse a cargo do Grupo Provincial do BNG. A realidade é ben distinta e tanto antes, cando formaban parte da área de Cultura, como agora, adscritos ao Grupo Nacionalista, é a Deputación de Lugo quen abona os seus salarios”.
Os populares poñen de relevo as continuas contradicións de Antón Veiga que por un lado asegura que os catro traballadores que formaban parte da trama nada teñen que ver coa Deputación e pola outra din que tanto no ano 2011 como no 2012 formaban parte da RTP (Relación de Postos de Traballo) da administración provincial.
“Esta xente di unha cousa e a súa contraria e se quedan tan contentos. Cando a realidade é que non pode pasar nin un minuto máis sen que Antón Veiga dimita por ser o máximo responsable desta trama fraudulenta con todos os lucenses e, no de non ser así, que sexa inmediatamente cesado por Jose Ramón Gómez Besteiro, quen no pode seguir como cómplice desta irregularidade”.