Cervo, 13 de agosto de 2013.- O edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, lamentou este martes que o grupo socialista “se sinta resentido porque Cervo teña un GES a pesar de todos os intentos do PSOE por levar este servizo a outro concello”. O concelleiro fixo estas declaracións despois de que os socialistas cervenses criticasen o proceso selectivo do GES con sede en Cervo. “Hai uns anos o noso concello ía ter un parque de bombeiros, e os socialistas impedírono. Agora tamén querían que Cervo quedase sen GES, pero desta vez non o conseguiron, e iso moléstalles” engade Soto.
Ao mesmo tempo, o responsable de Seguridade Cidadá asegura que “transmitiremos as queixas dos socialistas aos técnicos encargados da selección para que coñezan o que o PSOE opina do seu traballo”. Un proceso selectivo que Soto tilda de “exemplar” no que todas as probas “foron públicas e abertas, e ás que podían ter asistido se quixesen”.
Soto tamén destaca a “capacidade para esaxerar dos socialistas” que falan dun “aluvión de reclamacións” cando só se rexistraron dúas queixas.