Cinco usuarios dos catro dispositivos da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña” (piso protexido, CRPL de Ribadeo, CRPL de Burela e Unidade Residencial) viaxan hoxe ás Palmas de Gran Canaria. A viaxe realízase no marco dun programa de ocio e tempo de lecer de FEAFES Galicia e nel participarán usuarios e monitores de outras asociacións da xeografía galega.
A saída está programada para esta tarde dende o aeroporto de Santiago de Compostela, e a estancia estenderase ata o próximo xoves 26 de setembro.
Durante a súa estancia na Illa recorrerán diferentes lugares e participarán en diferentes actividades en grupo.
Son varios os obxectivos destas actividades; por unha parte o seu marcado carácter lúdico e de ocio permite o relaxamento dos usuarios así como coñecer outros lugares e costumes. Pero sobre todo, trátase dunha actividade grupal, na que se poñen en marcha moitas e variadas habilidades fundamentais no día a día como as habilidades sociais, a capacidade de compartir, de poñerse no lugar do outro, etc…..
Por suposto sen esquecer que este tipo de actividades melloran a calidade de vida das persoas con enfermidade mental, proporcionándolles ademais a oportunidade de ampliar a súa rede de apoio social.