A Mariña, 10 de setembro de 2013. O Salón de Actos do edificio Cenima de Foz acollerá este mércores 11 de setembro ás 20:00 horas unha xuntanza dos emigrantes retornados da comarca da Mariña afectados polos expedientes sancionadores iniciados pola Axencia Tributaria contra a aqueles que non declararon as pensións recibidas desde outros países desde 2008, para a constitución da Xestora da Plataforma de Emigrantes Retornados da Mariña.
Nesta xuntanza, na que participarán afectados de todos os concellos da comarca, darase formalidade a este movemento e decidiranse as accións a levar a cabo para tentar parar esta estafa que afecta a centos de persoas, moitas da cales aínda non son coñecedoras da problemática, polo que se solicita a máxima difusión deste encontro.
A Axencia Tributaria está a proceder a multar a todos aqueles emigrantes retornados que cobran unha pensión de xubilación polo Estado español ademais de cobrar outra polo estado ao que emigraron aínda que non superen o mínimo legal obrigatorio para facer a declaración da renda. Se ben a orixe desta sanción hai que buscala nunha modificación lexislativa realizada en 2008, nunca se fixo publicidade da mesma e estanse a recibir notificacións de sancións de até 20.000 euros, xa que Facenda non só está a reclamar os impostos que se poidan adebedar, senón que tamén inclúe os intereses de demora e as sancións.
A Plataforma de Emigrantes Retornados da Mariña considera unha inxustiza que o Estado que obrigou a emigrar, que botou aos galegos e galegas polo mundo adiante e se aproveitou das divisas do traballo dos emigrantes, agora curse expedientes sancionadores cara persoas con escasos recursos en moitos casos, ao tempo que promove amnistías fiscais para os ricos e os millonarios, e para banqueiros que xa roubaron os aforros dos preferentistas e afectados polas subordinadas. Estamos diante dunha estafa das dimensións da das preferentes, onde mesmo se ten pretendido cobrar a persoas que morreron en 2009 ou 2010.