Os vindeiros 12, 13 e 14 de setembro terán lugar en Burela as III Xornadas de Historia Local. O Colectivo Cultural Buril aposta por consolidar esta cita anual en torno á historia local que nacía en 2011 e que se ven celebrando desde entón de forma continuada. Estas xornadas constitúen unha oportunidade non só para coñecer aspectos destacados no decorrer da historia local, senón que tamén estimulan a realización de estudos e traballos de investigación sobre a nosa historia.
O estudo, difusión e posta en valor da historia de Burela han de servir para preservar a memoria da nosa vila e situármonos no contexto histórico, social e cultural da Galiza, pois non se pode entender a historia local como un todo uniforme e autónomo, illado do seu entorno máis próximo e da realidade que constituímos como Pobo. Neste sentido, existe unha clara vontade por rachar con localismos estériles que asentan na exaltación do propio fronte ao alleo, procurando resaltar aspectos que destacan precisamente por ser comúns a outras entidades ou ben aqueles que teñen valor como obxecto de estudo por si propios.
Por outra banda, as xornadas tamén desenvolven unha importante función social, pois conseguen achegar o mundo da historia a moitos veciños e veciñas, rompendo deste xeito coa erudición na que a maioría das veces se desenvolven este tipo de estudos, facilitando o coñecemento da historia xeral a través da historia máis próxima a nós.
PROGRAMA DAS III XORNADAS DE HISTORIA LOCAL DE BURELA
Cantares de cego e música popular na tradición oral. Mini e Mero
Xoves, 12 de setembro, ás 20:30 horas no Salón de Conferencias
As Xornadas darán comezo cunha palestra-concerto a cargo de Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio, coñecidos popularmente como Mini e Mero, músicos, poetas e mestres investigadores do folklore e a cultura tradicionais galegos, membros fundadores do histórico grupo Fuxan os Ventos e actuais compoñentes do grupo A Quenlla.
Ademais da súa produción discográfica con estes grupos, teñen participado noutros discos de música galega, obras teatrais e publicado diversos libros. Destaca o seu labor de recolla de contos, lendas, coplas, cantares de cego… O seu arquivo sonoro foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. En 2009 foilles concedido por unanimidade o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria no campo da investigación musical durante os últimos 40 anos.
Neste primeiro día das Xornadas, os dous históricos músicos interpretarán cantigas de cego referidas á nosa zona así como cantares característicos da tradición popular que se interpretaron nas aldeas e vilas galegas principalmente na primeira metade do século XX.
Burela no contexto dos castros costeiros da Mariña. Luís Cordeiro Maañón
Venres, 13 de setembro, ás 20:30 horas no Salón de Conferencias
O arqueólogo e investigador focego Luís Cordeiro impartirá unha conferencia sobre os castros da “rasa costeira”, sobre os que ten desenvolvido distintos traballos arqueolóxicos. Cordeiro conta cun importante número de publicacións e traballos de campo na área arqueolóxica, entre os que destacan a escavación do Castro das Grovas en Ribadeo ou da Catedral de San Martiño de Mondoñedo. Recentemente presentou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento baixo o título “Os castros costeiros na Mariña de Lugo”, traballo que significa un importante paso na investigación da cultura e do período castrexo, porque nesta investigación aparecen novos castros que até a data eran descoñecidos e ficaban sen catalogar e este traballo explica perfectamente a sociedade, a forma de vida e o mundo castrexo como fenómeno complexo escapando da anécdota histórica.
Visita guiada ao arquivo da Confraría de Pescadores de Burela
Sábado, 14 de setembro, ás 11:00 horas na Confraría (Porto de Burela)
Desde 1923, ano no que se constituíu o Pósito de Pescadores, o arquivo da Confraría de Burela foi xerando a documentación que nos permite coñecer as orixes e evolución da institución que hoxe coñecemos. As funcións máis importantes das Confrarías eran a asistencia social aos socios, a ordenación da pesca, a venda do peixe e as melloras nas embarcacións, funcións que se reflecten claramente na documentación deste arquivo.
A exposición estrutúrase en catro eixos: A constitución da Confraría, regulamentos e estatutos; O labor social; As embarcacións; e a pesca. A visita estará guiada pola actual arquiveira da Confraría, Judit Fernández Gómez.
*Para esta actividade (a visita guiada) é preciso anotarse previamente para organizar correctamente a visita. Poden contactar connosco a través do correo ccburil@gmail.com ou ben nos teléfonos 616-995-013 (mañás) e 616-473-366 (tardes).





















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.



