Burela, 6 de setembro de 2013. O Concello de Burela contará con solo dotacional suficiente a partires da aprobación do PXOM na sesión que o pleno da Corporación celebrará o vindeiro luns, 9 de setembro.
O alcalde burelés, José María González Barcia, manifestou que “o solo dotacional é imprescindible para un concello coma o noso: si se precisa instalar novos servizos ou aumentar os existentes, temos que ter solo dotacional, porque de non ser así corremos o risco de poder contar con máis servizos para os cidadáns. E agora mesmo, o solo dotacional de Burela está xa esgotado”.
Barcia dixo que “no PXOM quedan delimitadas unha serie de zonas como solo dotacional, pero hai dúas con especial relevancia: unha entre o Camiño Real, a Escola Infantil e o edificio nº 2 do CEIP Vista Alegre e outra nas inmediacións do CEIP Virxe do Carme, entre FEVE e a Avda. da Mariña. Esas zonas están planificadas como de dotación de novos servizos educativos ou ampliación dos xa existentes”.
O rexedor aclarou que “agora mesmo é moi difícil plantexarse nin tan siquiera a ampliación dos centros existentes, porque non hai espazo”.
Ademais, xéranse distintos espazos dotacionais noutras zonas de Burela, por exemplo, nas inmediacións de Pascual Veiga e Rúa da Fontela.
O solo dotacional actual, excluído o dos centros de ensino e do hospital, é de 1.645 m2, “claramente insuficiente. Pois ben, pasará a ser de 30.441m2”, engadiu o rexedor burelés. No que se refire ó espazo destinado a zonas verdes e parques, a superficie actual é de 9.513 m2. Co PXOM, Burela contará con 79.165m2.
González Barcia engadiu que “o incremento de solo dotacional é un salto cualitativo importantísimo. É a demostración da capacidade de captación de novas dotacións de servizos por parte dun concello. A maior solo dotacional, maior capacidade de instalar novas dotacións e servizos”.
O alcalde burelés tamén se referiu ás declaracións do portavoz socialista, Alfredo Llano: “o PSOE non volveu a interesarse polo PXOM desde a aprobación inicial. E de excesiva presa, nada de nada; o que pasa é que os socialistas non son capaces de aguantar o ritmo de traballo que leva este equipo de goberno. É máis, se vamos ó ritmo habitual de traballo do Sr. Llano, non acabaríamos nunca”.