Santiago, 11 de setembro de 2013.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, explicou este mércores que “a inmensa maioría” dos pensionistas galegos que traballaron no estranxeiro e que non tributaron nos últimos anos polas pensións xeradas nestes países non actuaron con ánimo defraudador, e instou á Agencia Tributaria a que amplíe os prazos de pago analizando as posibles solicitudes de aprazamento e fraccionamento.
En resposta a unha pregunta oral no Parlamento, Muñoz Fonteriz asegurou que a maioría dos pensionistas afectados non tiveron vontade de incumprimento das súas obrigas tributarias, e por iso considera que cando non existe intención defraudadora non cabe a imposición de sancións por parte da Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
Pese a que a Xunta non ten competencia algunha nesta materia, Muñoz Fonteriz explicou que o Goberno galego púxose a traballar dende o primeiro momento en canto tivo coñecemento desta problemática. De feito, xa mantivo un encontro con representantes deste colectivo, que solicitaran manter unha reunión para trasladar as súas inquedanzas.
Neste sentido, avanzou que o departamento autonómico enviou senllas cartas ao ministro de Hacienda y Administraciones Públicas e ao director da AEAT para subliñarlles a importancia deste tema para Galicia, con miles de afectados, e para propoñerlles posibles actuacións que faciliten o cumprimento por parte destes pensionistas das súas obrigas tributarias.
Sobre isto, o departamento autonómico solicita á Agencia Tributaria estatal que preste “unha especial atención e consideración a este colectivo de afectados”, e que analice as posibles solicitudes de aprazamento e fraccionamento da débeda tributaria que puideran xurdir, concedendo prazos dilatados no tempo e máis extensos dos normalmente establecidos, e facendo así compatible o seu pagamento coa renda dispoñible dos afectados.
Na súa intervención, Muñoz Fonteriz atribuíu este problema a unha falta de información dos afectados, e resaltou tamén as “carencias de información” por parte dos países nos que estiveron traballando. Por iso, a titular de Facenda considera que os afectados deben contar con toda a asistencia necesaria para poder afrontar esta situación da mellor maneira posible.
Así mesmo, manifestou a necesidade de analizar “algunhas disfuncións que, ao noso xuízo, poderían ser obxecto de revisión a nivel normativo”, tanto no marco da lexislación española coma nos distintos convenios de dobre imposición vixentes con outros países.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



