Burela, 9 de setembro de 2013. O concelleiro de Urbanismo burelés, Manuel Fernández Valle, pediulle no pleno ó alcalde, José María González Barcia, que non demorase a entrega do PXOM, aprobado provisionalmente a primeira hora desta mañá, na Xunta de Galicia porque “Burela non pode esperar moito tempo máis a ter este documento aprobado definitivamente”.
González Barcia colleulle a palabra ó seu compañeiro e hoxe mesmo entregou no rexistro xeral da Xunta de Galicia a totalidade do documento en dous formatos, en formato dixital e en formato papel, este integrado por cinco caixas.
O alcalde burelés aproveitou para manter un encontro con persoal da Secretaría Xeral de Urbanismo, onde felicitaron ó alcalde pola celeridade posta no traballo realizado desde a aprobación inicial do PXOM, o un de marzo de 2012. Barcia, pola súa parte, tampouco puido ocultar a súa satisfacción: “temos o traballo feito e fixemos un bo traballo”.
A partires de agora, será a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Urbanismo, a que realice os trámites para a aprobación definitiva. Dende a Secretaría Xeral manifestáronlle a González Barcia que se poñerán a traballar no documento de inmediato. Barcia non quixo aventurar prazos para a aprobación definitiva, pero confía en que “non se desvíe moito das previsións iniciais que tiñamos marcadas”.