Lugo, 16 de setembro de 2013.- Os centros de ensino da provincia de Lugo abriron hoxe sen incidencias as súas portas para acoller aos máis de 12.500 alumnos de Secundaria e Bacharelato que iniciaron hoxe o curso académico.
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou a total normalidade no inicio do curso tanto en Bacharelato como nos ciclos de Formación Profesional ou nas outras ensinanzas regradas, como música ou deporte.
Así, a xornada supuxo á volta ás aulas de 9.328 alumnos e alumnas de Secundaria. Deste volume total, o 68% cursa estudos en centros públicos da provincia; polo que respecta ao alumnado non nacionalizado español, este curso suman 612 estudantes.
No Bacharelato ordinario están matriculados 3.247 alumnos e alumnas lucenses, un 3% menos que o pasado ano.1.662 mozos e mozas inician o primeiro curso e 1.585 o segundo. Neste caso, máis do 93% están matriculado en centros públicos. Tamén diminúe a cifra de estudantes non nacionalizados españois, que pasa de 103 a 79.
Hoxe deron comezo, tamén con normalidade, as clases nos ciclos formativos de Formación Profesional e nos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que se imparten nos institutos de educación secundaria (IES) e nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) de Galicia. Os datos de número de matriculados nestas ensinanzas coñeceranse nas vindeiras semanas, unha vez remate o prazo de matriculación de alumnas e alumnos na segunda adxudicación do período extraordinario de admisión. Igualmente, ábrese o curso nas ensinanzas regradas de música, con 1.164 persoas matriculadas en Lugo, ou nas escolas deportivas, con 30 matriculados na provincia, entre outras especialidades.
No que atinxe ás ensinanzas para adultos, estímase que as cursarán no curso 2013/2014 un total de 1.693 persoas na provincia de Lugo. Delas, 137 están matriculadas en ensinanzas básicas de nivel I e II, 634 nas de educación secundaria para adultos, 243 nas de bacharelato presencial e 679 nas de bacharelato semipresencial.
Neste sentido, o maior número de alumnos corresponde á cidade de Lugo, onde hoxe empezaron as clases 1.455 alumnos en Bacharelato, aos que cómpre engadir as 649 persoas que comezan o exercicio no Bacharelato en réxime de adultos. Por outra banda, en Secundaria, 3.493 alumnos iniciaron o curso no municipio lucense, aos que hai que sumar as 273 que a principian no réxime de adultos.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



