Lugo, 12 de setembro de 2013. As accións formativas de Buxiganga chegan a Ribadeo en setembro, onde do 16 ao 21 a actriz Marián Bañobre impartirá un curso de clown. O curso terá lugar no Teatro de Ribadeo en horario de 20:30 a 23:30 horas, agás o 21 de setembro que será de 9:00 a 14:00 horas.
Este obradoiro ten como obxectivo básico o achegamento de cada un dos participantes ao seu propio clown para crear esta figura teatral. En total o curso consta de 20 horas e terá un custe de 20 euros para público en xeral e de 10 euros para persoas que participan nos circuítos Buxiganga. Aínda existen prazas libres e a para apuntarse a folla de inscrición está dispoñíbel tanto na web da Vicepresidencia como na de Buxiganga (http://buxiganga.lugomove.org) no apartado de “Formación”, podendo contactar con nós no 982260141 para que vola envíen por enderezo electrónico ou ben pasando a recollela presencialmente na Área de Cultura da Deputación no Pazo de San Marcos de Lugo.
Marián Bañobre
Marián Bañobre, actriz galega, desenvolve a súa labor actoral nas compañías Ibuprofeno Teatro e Teatro de Ningures, amais ten traballado co CDG, Sala Triángulo (Madrid), Teatro do Morcego, CasaHamlet… No audiovisual ten participado na serie Escoba ou Nordés. Entre os seus premios destaca o María Casares a Mellor actriz secundaria polo seu papel en Tartufo, ano 2006, VI Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega (2012), polo texto: INTERCOM BABY (Premio da audiencia), así como neste 2013 o María Casares a Mellor actriz principal polo seu papel en Pequenos actos pseudorrevolucionarios. Formouse cos mellores profesionais do clown a nivel mundial.