O equipo de Nacional comenza a estruturarse. Este xoves incorporáronse ós adestramentos Tamara Montero, Andrea Meilán e Marly Varela; que xunto coas júnior e as xogadoras que son Sub-23 e que están tamén ás ordes do equipo de Liga Feminina-2 formarán a base do equipo.
A escolta santanderina Tamara Montero comprometeuse por segundo ano consecutivo para compartir minutos en Liga Feminina-2 e Nacional. A xogadora de 19 anos terá toda a prioridade para o equipo de Juan Nécega pero tamén terá as súas oportunidades con Javi Muñoz en Liga Feminina, pois a temporada pasada foi unha dos baluartes na xestación do Ascenso.
Unha gran noticia é tamén o regreso da burelesa Marly Varela, xogadora formada nas categorías inferiores das Escolas Deportivas. Marly retorna despois de disputar a temporada pasada a metade dos encontros ata que tivo que deixar o equipo por unha beca de estudios no estranxeiro. De novo aquí, non dubidou en aceptar a oferta do equipo para axudar ó que será unha temporada durísima pero tamén ilusionante en Nacional.
Ademais, a aleiro Andrea Meilán (21 anos) renovou por segunda temporada consecutiva e imprimirá ó equipo a regularidade que demostrou a temporada pasada, sendo unha habitual do 5 inicial do equipo.
O equipo pecharase con 3 ou 4 incorporacións máis, que esperemos se concreten xa na vindeira semana para poder afrontar o debut na casa o vindeiro 5 de Outubro diante do todopoderoso Universidade de Salamanca.
Esta temporada a entrada no Pavillón de Lourenzá será gratuíta para todos os socios do club e terá un custe de 5 euros/partido para os non socios. Co carné de socio das E.D. Lourenzá tamén se poderá acceder de forma gratuíta ós encontros do equipo de fútbol de 1ª autonómica.