Burela, 20 de setembro de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, presidiu este venres o acto de sinatura da acta de recepción, por parte do concello burelés, das obras de urbanización da unidade de actuación de Torrentes, acto breve e moi sinxelo que tivo lugar na Sala de Xuntas da Casa do Concello. A acta de recepción foi asinada polo representante da empresa construtora, a dirección de obra e o técnico municipal de obras que actuou como representante da institución municipal.
González Barcia cualificou o día como “moi importante e sinalado para Burela e para os propietarios de solares en Torrentes, xa que Burela pasa a dispoñer de case que cen mil metros cadrados debidamente urbanizados, con todos os servizos, e que ven de converter en solares o que antes eran terreos de labranza”.
O alcalde burelés volveu a insistir na súa teoría de pechar círculos: “hai uns días adiantei que esta alcaldía e este equipo de goberno comezaban a pechar círculos; pois ben, con Torrentes pasa exactamente iso, vamos pechando o círculo que comezou a debuxarse en 2005, e que xa ía sendo hora de que se fose pechando, polos intereses dos propietarios e polo interese de Burela”.
José Mª González Barcia lembrou que “a unidade de actuación xa figuraba nas normas subsidiarias de Cervo de 1988. En 2005 presentouse no Concello o proxecto de reparcelación, e tal e como era a nosa obriga legal tramitámolo, iniciando o procedemento coa aprobación provisional, seguida da preceptiva exposición pública, presentación e resolución de alegacións e aprobación definitiva”.
O alcalde engadiu que “2006 foi o ano no que se redactou o proxecto de urbanización, cumprindo os trámites legais preceptivos e procedendo á poxa pública das fincas destinadas obrigatoria e legalmente a sufragar os gastos de urbanización”. As obras, lembrou Barcia, “foron adxudicadas na miña etapa anterior como alcalde un mes antes das eleccións de maio de 2007, e tiñan un prazo de execución dun ano, co que tiñan que estar rematadas no verán de 2008, como moi tarde”.
Pero o alcalde burelés volveuse a topar con Torrentes na súa etapa actual: “chegamos de novo ó Concello e as obras estaban sen rematar, non se fixera nada de nada no rexistro da propiedade e estaba todo absolutamente parado. Non se pode crer que unha obra que tiña que estar rematada a mediados de 2008, estivese sen rematar a mediados de 2011, nada menos que con tres anos de retraso. Tivemos que retomar todo o procedemento, enfrontarnos a novos problemas, pero por fin fomos capaces de rematar as obras, entregarlles as separatas acreditativas da correspondente propiedade das fincas resultantes ós propietarios, e comezar a pechar o procedemento”.
González Barcia manifestou que “hoxe o Concello, e todo Burela, recibe unha urbanización que conta con rúas amplas, que vai permitir xerar unha nova zona de expansión da Burela actual. Salvando as distancias, Torrentes é o segundo ensanche de Burela, as segundas ‘Calles Novas’, como moitos denominamos ó ensanche iniciado a finais dos anos sesenta do século pasado”.
Para o rexedor burelés, “Torrentes vai permitir, entre outras cousas, a distribución do tráfico entre o centro urbano e a zona sanitario educativa de xeito máis equitativo, porque haberá máis rúas que intercomunicarán ambas zonas, o centro e a zona do hospital e zona educativa próxima”.
A unidade de actuación de Torrentes ten un ámbito de actuación de 90.000 m2, conta cunha zona verde nas inmediacións do parque do Campón, e dispón dunha rúa central de vinte metros de ancho, doce de calzada, seis de beirarrúas e dous de mediana. Hai varias rúas de doce metros de ancho, con oito de calzada e catro de beirarrúas. As dúas rúas de dez metros, situadas rodeando a zona verde, teñen seis de calzada e catro de beirraúas. As rúas de oito metros teñen catro de calzada e catro de beirarrúas. O presuposto de contrata foi de 1.950.000 euros.
Por último, José Mª González Barcia non ocultou a súa satisfacción: “isto xa tiña que estar listo hai tres ou catro anos, pero non deixa de ser unha satisfacción persoal pechar un círculo que axudaches a abrir. Facemos un exercicio de responsabilidade como goberno, que outros non souberon, non quixeron, ou non foron capaces de facer”.




















Estes recitais, protagonizados por músicos da contorna, nunca defraudan. Sen grandes nomes internacionais, pero cunha sensibilidade musical exquisita, ofrecen sempre unha experiencia artística de gran calidade. Por iso, quen asista gozará dunha nova xornada dentro do Programa Adral, que a Xunta de Cofradías promove con tanto entusiasmo.
O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.



