Ribadeo, 06 de setembro de 2013.- O Partido Popular de Ribadeo explica que a actitude de “indiferenza” que está a poñer de manifesto o edil nacionalista, Vicente Castro, que se nega a dar explicacións á presunta irregularidade que está a cometer, unha feito que segundo os populares permítelles aplicar o refraneiro de que “quen cala, outorga”.
Os populares pediron en reiteradas ocasións tanto ao rexedor local, Fernando Suárez, como a súa man dereita, Vicente Castro, que deran a cara tras facerse público que un edil do goberno municipal do Ribadeo formaba parte da trama de traballadores liberados ao servizo do BNG, que percibían un salario da Deputación pero que prestan labores políticas ao seu partido, no lugar de realizar as funcións propias do seu posto de traballo nunha área de goberno.
O PP de Ribadeo pregúntase o porqué Vicente Castro non deu resposta ata o momento, e entende que a súa actitude vén a demostrar que non ten razóns que xustifiquen unha situación que se está a converter nunha presunta irregularidade, dado a que percibe un salario público por servizos que non está a prestar.
Mentres o edil nacionalista dá a calada por resposta, explican os populares, o alcalde, Fernando Suárez, que abusou de poder ao liberar ao seu servizo un traballador da Deputación, “dedícase a entrar en descualificacións persoais, no lugar de darlles resposta aos veciños”.
Feito público e notorio
Os populares entenden que o concelleiro nacionalista está sen razóns para xustificar esta situación. Porén, dende o PP consideran que o edil debería dar explicacións públicas e pedir perdón ante un feito que é público e notorio, tanto é así que o día a día do edil nacionalista transcorre no concello mariñán, sen case pisar a cidade lucense e realizando as labores ao servizo do goberno municipal nacionalista. Así, os populares lembran que calquera veciño da localidade pode avalar esta situación, ata o punto de que se despraza nun coche de titularidade municipal.
Polo tanto, o PP denuncia que Vicente Castro realiza as súas funcións políticas no consistorio local e que non se achega ao edificio da administración provincial, onde debería prestar asesoramento nunha área de goberno ao vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Veiga, tal e como se recolle no seu decreto de nomeamento.
En concreto, o Boletín Oficial da Provincia, de data 22 de xullo de 2011, recolle o seu nomeamento con carácter de persoal eventual adscrito á Área de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, para prestar as súas funcións a Veiga, como administrativo, con efectividade do 12 de xullo de 2011.