O PSdeG da provincia de Lugo asegurou que, co recorte de 49 unidades escolares e 67 mestres en só 2 anos, “a dereita de Feijóo pasará á historia por destruír a educación pública e de calidade no rural lucense”. Desde 2010, hai no total da provincia 546 docentes non universitarios menos, “ou iso din os datos da Consellería de Facenda, aínda que Educación fala da metade, así que deben explicar a que se debe isto”. Asimesmo, elimináronse 5 centros e 72 unidades de ensino, segundo datos da propia Xunta, mentres que o número de alumnos aumentou en 943. “Están a aplicar a fórmula perfecta para acabar coa educación pública: reducen dereitos e recursos e impoñen repagos mentres potencian o privado e o que segrega o alumnado por razón de xénero, a pesar de que o TSXG o considera ilegal”, denunciaron a deputada socialista no Parlamento galego Concepción Burgo e o secretario de Educación do partido en Lugo, Carlos Ferreiro.
O curso 2013-2014 de Infantil e Primaria arrancou de feito na provincia “cun novo golpe” ao ensino por parte da Xunta, xa que o 43% das familias terán que repagar o servizo dos comedores escolares en lugar do 12% que o viña facendo ata agora. Isto significa que unhas 7.000 familias terán que pagar o comedor escolar, e máis de 4.000 pagarán case 100 euros mensuais. A todo isto, recalcaron, engándense os sucesivos recortes xa acometidos nos últimos catro anos pola dereita de Feijóo: “todos os centros teñen menos orzamento que en 2009; baixaron as axudas para libros, bibliotecas e normalización lingüística; acabaron con todo un modelo sociopedagóxico como Preescolar na Casa; atrasos nas transferencias económicas para comedores ou empeoramento das condcións sociolaborais do profesorado”.
“Os recortes do PP sacrifican a calidade educativa e a igualdade de oportunidades, converten o ensino nun privilexio, só ó alcance de quen o poida pagar, e contribúen ó desequilibrio territorial e ó despoboamento xa gravísimo que vive a provincia de Lugo”, asegurou Concepción Burgo, recalcando que as “graves consecuencias destas medidas, adoptadas sen o apoio de ninguén e pola porta de atrás, unha vez rematado o curso escolar, sófrenas as familias e os nenos, sobre todo do noso rural”.
Os danos das políticas do PP
Como mostras do dano que provocan as políticas de Feijóo, Burgo destacou que os nenos de Ribeira de Piquín, tralo peche do seu colexio, “teñen que viaxar dúas horas ó día en autobús para estudar en Meira”; no centro público de Samos hai soamente 3 profesores para alumnos de 9 cursos diferentes, “ningún deles especializado en Infantil a pesar de que hai nenos desta etapa”; e o reagrupamento de alumnos é cada vez maior, dándose casos como o de Cervantes, no que un mestre ten que atender a rapaces de 5 idades distintas. De feito, catro concellos da Montaña lucense –Samos, Cervantes, Navia de Suarna e O Incio- quedáronse este curso sen 5 profesores especializados en Infantil.
“Reformas ideolóxicas”
Outra mostra evidente “da intención do PP de aproveitar a crise como coartada para aplicar as súas reformas ideolóxicas máis duras en educación é o brutal tixeireitazo de 739 millóns de euros que a Xunta aplicou nos orzamentos para educación en Galicia dende o ano 2010, o segundo máis grande dos que levou a cabo no ámbito social despois da área de sanidade, que baixou en 847 millóns”, argumentou Carlos Ferreiro. Tamén deixa á luz a súa aposta clara por un modelo de privatización a decisión, recentemente denunciada xa polos socialistas, de entregar 300.000 euros a unha empresa para impartir formación de inglés en sexto de Primaria e Secundaria, así como as subvencións de 240 millóns de euros ó ensino concertado, e os 3 para os centros que segregan por xénero, a pesar de que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou ilegal este modelo.
Ferreiro cualificou de “inadmisible” que a Xunta gaste cartos en campañas de propaganda animando a ter fillos, cando non fai máis que reducir servizos públicos imprescindibles para crialos” . O socialista esixiu así mesmo ó Goberno autonómico que “tome conciencia dunha vez do deterioro da educación pública que as súas políticas están a provocar na provincia e repoña os investimentos, as axudas e os profesores. O que esixe esta crise é blindar as políticas sociais porque, lonxe de ser un problema, a educación é unha solución para loitar contra o desemprego e saír desta situación”.