CERVO, 27 DE SETEMBRO. Pasada a sesión plenaria celebrada este xoves no Concello de Cervo, os socialistas critican que o Grupo Municipal do Partido Popular só aporte ós plenos “mocións tipo ou temas a debater que son obviedades. Todo para evitar tratar os asuntos importantes que afectan ós veciños e disimular a dobre cara que están a amosar en educación, sanidade e servizos sociais”.
A comunidade educativa de Cervo sigue manifestándose en contra do copago dos comedores escolares pero nisto non lles interesa entrar, aseguran que “falamos dun servizo público ofertado por unha administración pública e non dun negocio. O Grupo Socialista levou unha moción ó último pleno para evitar que os pais e nais dos nenos cervenses tiveran que pagar por este servizo, todo o goberno do PP votou en contra aludindo que só pagarían as rendas máis altas. A realidade é que agora esta medida non afecta a uns poucos senón máis ben á maioría das familias”.
No eido sanitario, volvemos a comprobar esa dobre cara, “non é normal que o señor José Manuel Balseiro e os seus compañeiros en Cervo apoien en pleno municipal a solicitude do facultativo que nos eliminaron e no día de onte permitan que os seus propios compañeiros de partido en Santiago voten en contra da mesma proposta. Que nos expliquen cal é a súa verdadeira opinión porque se están rindo dos veciños e isto non se pode consentir”.
Educación, sanidade e servizos sociais
Os socialistas insisten en que o pleno “estivo cargando de temas sen importancia, verdadeiras cortinas de fume para non tratar os temas transcendentais que preocupan á cidadanía e disimular a dobre vara de medir que tamén teñen en materia de servizos sociais”.
Non comprenden como “teñen a cara de esixirlle á Deputación de Lugo que faga aportacións para a conservación da axuda no fogar, cando o organismo provincial contribúe co programa e pola contra o goberno do PP na Xunta de Galicia, sendo quen ten realmente a competencia de manter os servizos sociais, dá exactamente cero euros”.
Dende o GMS agardan que no vindeiro pleno “teñamos que debater este tipo de asuntos, verdadeiramente importantes para os veciños, que sexa o goberno quen os plantexa e que se posicione clara e comprometidamente co seu voto tanto en contra como a favor, pero que non haxa estas contradicións. Que deixen de enganar ós veciños”.