Coa publicación no BOE o pasado xoves da resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, o Goberno establece un novo copago sobre os medicamentos de dispensación ambulatoria en hospitais, é dicir, aqueles que só se dispensan a pacientes non hospitalizados nos servizos de farmacia dos hospitais, que quedarán sometidos a partir do 1 de outubro para a súa dispensación ao pago do 10 % do seu prezo por parte do usuario do medicamento.
A pesar de que dita resolución establece que se trata dunha aportación reducida, cun tope máximo de 4,20 euros, hai que ter en conta que este copago afecta a enfermos con patoloxías crónicas, pois entre os fármacos incluidos se atopan medicamentos para retrasar a progresión do cáncer de mama, para tratar o cáncer de ril, para o tratamento de tumores cerebrais, para a leucemia, artritis reumatoide, esclerosis múltiple e a hepatitis C, entre outros. Enfermos que, na maioría dos casos, xa consumen outros medicamentos sometidos a copagos, e que, en moitas ocasións, se trata de persoas con ingresos moi reducidos (coma os pensionistas), polo que, segundo a voceira socialista, Rosa Pérez Gradaílle, “Esta medida constitúe unha nova barreira que dificulta ou impide o acceso a medicamentos necesarios para sectores da poboación con menores ingresos”.
Así mesmo, como afirmou tamén a voceira: “Este novo copago agrava a situación, produce máis problemas no acceso aos medicamentos e xera un aumento da morbilidade e mortalidade nos grupos de poboación con baixos ingresos e graves problemas de enfermidade, tratándose dunha agresión máis do Ministerio de Sanidade aos máis pobres e enfermos”.
Ante este novo ataque do Partido Popular á Sanidade Pública, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Foz presentará no Pleno convocado para esta tarde unha moción de urxencia dirixida a instar á Consellería de Sanidade a non aplicar en Galicia a resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, e non autorizar este novo copago para os fármacos de dispensación ambulatoria en hospitais; e, así mesmo, dar traslado á Consellería de Sanidade do total rexeitamento do Concello de Foz a este novo copago para os fármacos de dispensación ambulatoria en hospitais, por tratarse dunha nova barreira que dificulta o acceso aos fármacos aos máis pobres e enfermos.