Burela, 3 de outubro de 2013. Nas últimas horas tivo lugar a presentación do curso 2013/14 da Escola Municipal de Música que conta con 110 alumnos e alumnas matriculados, o que supón unha lixeira subida con respecto á pasada tempada e “mantéñense as mesmas áreas, as mesmas materias e os mesmos instrumentos que o curso anterior, o que significa que o Concello está a facer un esforzo importante cos cartos de todos para manter a escola, que se fundou co PP gobernando no Concello de Burela”, segundo o alcalde, José Mª González Barcia.
O rexedor e a concelleira de Educación e Cultura, Mónica Pedre, sinalaron que “desde o Concello apoiamos o proxecto educativo e formativo da Escola Municipal de Música porque temos moi claro que a actividade musical contribúe á formación integral das persoas, neste caso aos alumnos e alumnas que asisten a este centro”.
González Barcia contou que “na xuntanza se plantexaron algunhas cuestións relativas ás taxas que pagan aos alumnos/as matriculados na Escola de Música e vaise facer unha especie de comisión mixta entre a asociación de pais, a escola e o Concello para analizar dito asunto”.
Pedre e Barcia amosáronse satisfeitos “co rendemento que se está a dar na Escola Municipal de Música, polo nivel que están a adquirir os rapaces e polas importantes actividades que de xeito paralelo se están a organizar desde o propio centro”. E puxeron coma exemplo que “o curso interdisciplinar e este ano, coincidindo coa festa castrexa, estreouse unha peza música teatral A viaxe de Brandan, sobre a cultura castrexa en Burela. Son dous eventos importantes que reforzan o traballo que se está a realizar desde a escola. Todo o noso apoio desde o Concello á escola como proxecto, ao profesorado e aos pais e nais porque están a participar de xeito moi activo nas actividades da escola”.